A do Ofimático foi unha historia de decisións depredadoras. Unha das últimas, a ampliación salvaxe da avenida da Vedra, tomouna o Partido Popular, cando gobernaba tanto en María Pita como na Moncloa. Era un proxecto para ampliar carrís e consolidar unha autoestrada polo medio da cidade, como xa temos contado. Ademais de perpetuar un modelo de mobilidade insostible e insolidario, aquel plan afectaba ás beiras do Ofimático e ao núcleo de San Vicente de Elviña.
Na marxe dereita da actual avenida de Alfonso Molina estaba prevista a construción dun viaduto que atravesaba San Vicente. Serviría para conectar o Ofimático cos novos carrís do futuro río de cemento e vehículos privados, pero suporía o derrubo de varias casas, a tala de varias das árbores orixinais da avenida e rachaba a estrutura tradicional do lugar.
E que fixo a Marea Atlántica?
Desde o primeiro día en María Pita, comezou a negociar co Ministerio de Fomento para mudar o proxecto e conseguir unha Vedra humana. Logrouse, en parte. O goberno do Estado aceptou varias das achegas do Concello da Coruña, entre as que se atopa a desaparición do viaduto. No seu lugar, construirase unha pasarela para o paso de peóns e bicicletas.
Tamén se conseguiu reducir a velocidade nas marxes da avenida, o que baixará a contaminación acústica, e a creación de sendas peonís, ademais dunha pasarela na avenida García Sabell. Aínda segue a buscarse a mellora do proxecto a través das alegacións presentadas polo Concello. En resumo, procuramos unha vía máis segura e amable, que procura integrarse con San Vicente de Elviña en vez de arrasalo.
Perdécheste?
Volve ao artigo inicial.
Aquí tes un cronograma dos feitos.
E aquí un pequeno esquema que amosa en que mans están os terreos do Ofimático.
[Aviso honesto: A situación do Ofimático é tan longa, complexa e chea de reviravoltas que supera os límites destes artigos. Se desexas coñecer máis a fondo o proceso, recomendámoste o traballo do colectivo Ergosfera, Cousa de Elviña]