Saltar ao contido

A Mesa de Traballo sobre o Plan Parcial do Ofimático constituiuse hoxe tras a convocatoria conxunta da Marea e o BNG, esbozou posibles vías, e e o goberno municipal comprometeuse a repetila en outubro

As veciñas e veciños de San Vicenzo de Elviña precisan regularizar a súa situación e ter a seguridade de que van poder seguir vivindo onde sempre o fixeron

A Marea Atlántica participou esta tarde na Mesa de Traballo sobre o Plan Parcial do Parque Ofimático, que se celebrou tras a convocatoria conxunta que o noso grupo e o BNG realizaron a semana pasada. Neste foro, reclamamos que se lle dea cumprimento ao acordo de investidura asinado co PSOE e se traballe cara a unha solución urbanística para a veciñanza afectada en San Vicenzo de Elviña, que ten risco de perder as súas vivendas. Os acordos están para cumprirse. 

No encontroparticiparon sete representantes veciñais, o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada; Xiao Varela pola Marea Atlántica, Avia Veira polo BNG, así como representantes dos demáis grupos municipais.  Esbozáronse liñas de traballo e o goberno municipal prometeu concretalas nunha vindeira xuntanza, que debería celebrarse antes de que remate o mes de outubro. 

Estaremos vixiantes de que o goberno municipal non esqueza os seus compromisos e poña sobre a mesa unha modificación do Plan Parcial do Ofimático que permita que as familias de San Vicenzo de Elviña poidan seguir vivindo onde sempre o fixeron. 

Cómpre lembrar que en novembro de 2014, o goberno do PP levou a cabo o desaloxo de Varo e Isabel, empregando a Policía Local dun xeito moi afastado das súas competencias, deixándoos sen casa e sen o taller mecánico co que gañaban a vida. No pasado mandato, a Marea Atlántica fixo o posible para que a situación non se repetise, dando pasos como a eliminación da pasarela proxectada sobre a avenida da Vedra, e o inicio da urbanización no barrio de Xuxán. 

A situación é hoxe moito máis favorable para San Vicenzo de Elviña do que era en 2015, e o goberno municipal debería aproveitala para protexer este núcleo tradicional dun xeito definitivo. 

A Marea Atlántica insta ao PSOE a cumprir os acordos de investidura e darlle unha solución urbanística á veciñanza de Elviña