Saltar ao contido

No Pleno do 1 de outubro presentamos unha moción para sinalar as moitas contas pendentes das administracións estatal e autonómica coa cidade e a súa área metropolitana, na procura dun posicionamento de toda a corporación

María García: “Alén dos titulares, seguimos agardando pola humanización da Vedra, a condonación da débeda do porto, os investimentos en educación e sanidade, a intermodal, a dragaxe da Ria do Burgo… Hai anos que A Coruña non recibe o trato que merece”

A Marea Atlántica defenderá, na sesión plenaria que se celebra mañá no Concello, a necesidade de convocar un Pleno Extraordinario para reclamarlle á Xunta e ao Estado que cumpran todos os seus compromisos coa cidade da Coruña. A nosa proposta é trasladar un posicionamento da Corporación municipal aos gobernos estatal e autonómico, para que teñan en conta as súas moitas débedas coa cidade e a comarca, e as inclúan nos seus proxectos de orzamentos para 2021.

Deste xeito, presentaremos unha moción poñendo todas as contas pendentes sobre a mesa e demandando a convocatoria dun Pleno Extraordinario. A nosa voceira, María García, explica que “a cidade da Coruña é o pulmón e o corazón da área metropolitana máis dinámica de Galicia, a principal xeradora de riqueza e emprego no noso país, pola súa poboación, actividade económica e pulo cultural. Porén, tanto desde a Xunta de Galicia como desde o Goberno do Estado, hai tempo que A Coruña non recibe o trato que merece”.

Desde A Vedra ata os peiraos interiores

Alén das declaracións de intencións, a lista de proxectos prometidos e nunca rematados é enorme. Desde o estado,  seguimos a agardar pola humanización de Alfonso Molina. Agardamos pola pasarela de Pedralonga, as melloras nos trens de proximidade e a reforma de Alvedro. 

E, moi especialmente, agardamos pola conexión ferroviaria do porto exterior e a condonación da débeda da Autoridade Portuaria, como se prometeu en Valencia. Sen ela, o futuro do borde litoral segue hipotecado. En lugar diso, o Estado só se preocupa de facer caixa coas súas propiedades: a antiga prisión provincial, a parcela da Maestranza, o solar de Adelaida Muro ou os propios peiraos interiores son só algúns exemplos.

A Xunta, infraestruturas pendentes e servizos en crise

Como indica a moción, “a Xunta non queda atrás en débedas coa Coruña. No último lustro, o seu único investimento relevante na cidade foi a pasarela de Marineda, inaugurada con enorme atraso e necesitada de parches seis meses despois de abrirse”. Mentres, seguen pendentes a residencia de maiores de Eirís, despois de rexeitar os terreos cedidos polo Concello; o compromiso coa Orquestra Sinfónica, á que lle deben máis de cinco millóns de euros; ou as obras nos centros escolares que acumulan anos de desatención. 

O goberno autonómico é responsable da prestación de moitos servizos, desatendidos desde hai anos e agora mesmo incapaces de atender as necesidades da poboación ante a crise sanitaria. “O reforzo de persoal na educación, nos Centros de Orientación Familiar, o copagamento na axuda a domicilio, a falta de coordinación interadministrativa na planificación do transporte metropolitano… Unha lista extensa de deficiencias que afectan a todas as competencias do goberno galego e que se pretende maquillar tras o anuncio da construción dun novo hospital, mentres a atención sanitaria primaria, agora telefónica, se atopa en caída libre pola falta de persoal”, sinala a moción. 

Por todas estas carencias, é o momento de lembrarlle a Xunta e ao Estado que A Coruña merece respecto e atención. É hora de rematar coas débedas.

A Marea Atlántica reclama un Pleno Extraordinario para procurar a unanimidade sobre as débedas da Xunta e o Estado coa Coruña