Un mes despois de que Volotea abandonase o aeródromo coruñés, Vueling deixa baixo mínimos os seus servizos, eliminando as conexións a Valencia, Las Palmas e Mallorca
Alberto Lema: “O executivo local ocultou información e desperdiciou os acordos acadados no anterior mandato. Reclamamos que Inés Rey dea explicacións deste desastre”
A Marea Atlántica votou hoxe, no Consorcio de Turismo, en contra da rescisión do convenio entre o Concello e Vueling, despois de que esta compañía rachase unilateralmente os termos do acordo asinado. Vueling deixa ao aeroporto coruñés sen as conexións con Valencia, Las Palmas e Mallorca, a sumar a todas as perdidas nos últimos meses. “O aeroporto pasou de ter dez destinos a tres. En quince meses o goberno municipal foi incapaz de chegar a un só acordo cunha aeroliña, estragando os acordos herdados do mandato anterior. O desleixo na xestión do aeroporto é total e a alcaldesa ten que dar explicacións”, sinala Alberto Lema, representante da Marea no Consorcio.
Lema denunciou, ademais, que o executivo local ocultou información, pois na xuntanza de hoxe quedou claro que “coñece, polo menos desde agosto, as intencións de Vueling de deixar ao mínimo a súa presenza en Alvedro. E sábeo desde quince días despois de asinar un convenio de 900.000 euros coa compañía, pero non fixo nada para impedilo”.
Crise sen precedentes en Alvedro
Vueling xa eliminou os seus voos a Málaga, Sevilla e Londres, sendo este último un dos máis importantes da terminal coruñesa. E agora cesa a súa actividade como mínimo durante seis meses. Una pésima noticia que se suma á marcha de Volotea e a súa conexión con Bilbao, despois de que o goberno municipal tampouco fose quen de manter o acordo pechado no mandato anterior e respondese con acusacións falsas. Na actualidade só permanecen, aínda que con moitas menos frecuencias, as conexións con Barcelona, Madrid e Sevilla.
“O aeroporto atópase nunha crise sen precedentes, que ameaza unha infraestrutura vital para a área metropolitana da Coruña e máis de 700 postos de traballo. E a única resposta do goberno local foi mentir e ocultar información. Volvemos reclamar a comparecencia de Inés Rey para dar explicacións deste desastre absoluto”.