O goberno do PSOE comprometeuse nos acordos de investidura a darlle unha solución á veciñanza afectada polo Ofimático. En decembro prometeu unha Mesa de Traballo, pero continúa a incumprir a súa palabra
Os grupos municipais da Marea Atlántica e o BNG veñen de rexistrar unha solicitude conxunta para que o goberno municipal convoque de inmediato a prometida Mesa de Traballo coa veciñanza de San Vicenzo de Elviña afectada polo Parque Ofimático, na procura dunha solución urbanística que lles permita seguir vivindo onde sempre o fixeron. Suxerimos como data o 29 de setembro.
Nos acordos de investidura asinados tanto pola Marea Atlántica como polo BNG, o PSOE comprometérase a darlle solución a este conflito urbanístico. En decembro de 2019, tras a Comisión de Seguimento do acordo entre a Marea e o goberno municipal, acordouse a convocatoria dunha Mesa de Traballo coa veciñanza e os grupos progresistas. E nos Plenos celebrados en xullo e setembro deste ano, o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, comprometeuse a convocar esta Mesa de Traballo antes de que remate o presente mes. Quedan oito días e non se sabe nada.
Ante a ausencia de avances, e despois de que a nosa voceira, María García e o concelleiro Xiao Varela mantiveran onte unha xuntanza coas persoas afectadas, esixímoslle ao goberno municipal que cumpra a súa palabra e atenda a veciñanza, que xa realizou numerosas concentracións ante o Pazo de María Pita. A Marea Atlántica e o BNG presentaron hoxe no Rexistro do Concello unha solicitude para que Villoslada convoque o día 29 a Mesa de Traballo coa veciñanza de Elviña, ou na primeira data que o concelleiro tea dispoñible antes de fin de mes.
Nesa Mesa de Traballo, tal e como foi previamente acordado, participarían as veciñas e os veciños de Elviña, o goberno local, a Marea e o BNG.