Levaremos esta iniciativa ao Pleno, tal e como a traslada a da veciñanza, e convidamos aos demais grupos a sumarse e combater a especulación
Reclámase que o proxecto cumpra o trámite de avaliación ambiental ordinario, a suspensión das licenzas de construción no ámbito e a mudar o PXOM nesta zona
O grupo municipal da Marea Atlántica amosa o seu apoio á proposta de moción da Asociación Veciñal de Labañou para poñerlle freo ao pelotazo urbanístico na parcela das Percebeiras. Despois de recibila esta mesma tarde, anunciamos a nosa intención de levala a Pleno e convidamos aos demais grupos municipais a sumarse para combater a especulación.
Compartimos plenamente as propostas do texto, que insta a paralizar os trámites do Plan Especial PE-M18 para permitir a construción nestes terreos de torres de vivendas de ata 13 plantas, na mesma beira do mar, tapando a Torre de Hércules, afogando o barrio e alterando gravemente o medio natural entre os espazos protexidos das Illas de San Pedro e a Torre de Hércules, zonas cuns dos maiores indices de biodiversidade da Coruña.
Na moción reclámase que o proxecto de Percebeiras pase por un trámite de avaliación ambiental ordinaria, sen tomar atallos, e a suspensión facultativa das licenzas de construción no ámbito (que se aplicaría ao Plan en trámite) coa finalidade de estudar unha modificación do PXOM na zona, para recualificala como sistema dotacional de espazos libres e zonas verdes públicas.
O interese xeral por enriba do privado
O texto da proposta da AVV de Labañou afirma, con moita razón, que “os intereses privados da promoción inmobiliaria deben supeditarse ao interese xeral, preservando os nosos sinais de identidade mais prezados, tanto o medio natural, a paisaxe marítima, o bordo litoral, como o patrimonio construído, a Torre de Hércules”, mentres o proxecto de Percebeiras, cuxo anterior Plan foi caducado no pasado mandato, vai xusto no sentido contrario.
Como sinalamos desde o primeiro momento, o pelotazo en Percebeiras é un grave erro, que pon o urbanismo ao servizo duns poucos a cambio de roubarlle espazo público ao conxunto da veciñanza. Un erro que debe ser corrixido canto antes.