A primeira convocatoria da Xanela de Proxectos seleccionou iniciativas para fomentar a inclusión das migrantes a través da cultura galega, protexer a saúde de colectivos vulnerables, organizar o voluntariado en tempos de pandemia e dinamizar os barrios de Palavea e O Campanario

María García: “O PSOE subiu os soldos no Concello. Na Marea Atlántica poñemos eses cartos de máis ao servizo da cidade. Nestes momentos, todos os recursos son necesarios”

As voceiras do Grupo Municipal da Marea Atlántica, María García, e da Coordinadora da organización, Inés Cebreiro, presentaron hoxe os resultados da primeira Xanela de Proxectos, que emprega os excedentes do salario dos nosos cargos públicos para financiar iniciativas sociais e culturais na Coruña. Esta primeira convocatoria reparte un total de 10.000 euros entre cinco proxectos impulsados por organizacións sen ánimo de lucro na Coruña.

Estas son as cinco propostas seleccionadas: 

1. As mulleres tecendo a nosa historia.

Da Asociación Sociocultural Campo de Pena, unha actividade centrada en Palavea, o quilómetro cero da Coruña. Tomando como eixe as lavandeiras e o lavadoiro do barrio, organizaranse unhas xornadas de tres días con actividades infantís, a presentación do libro Palavea na voz das súas mulleres, do Grupo Mulleres e coordinado por Laura Rey, e a estrea do espectáculo Lavandeiras, de Vero Rilo.

2. Intervención no traballo sexual durante a COVID-19.

Do Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO). As traballadoras sexuais son unha poboación sempre vulnerable e invisibilizada, e agora máis ca nunca. Desde CASCO, hai tempo que se lles presta apoio, pero a pandemia fai que sexa preciso ir un paso máis aló, achegando novas medidas de hixiene e protección sanitaria. Apoiar sen prexulgar.

3- Rompendo a brétema

Da Asociación Antonio Noche. Pensada para axudar a colectivos migrantes a evitar a exclusión social a través da aprendizaxe da lingua e a cultura galegas. Con charlas, clubes de lectura, visitas culturais, etc. Demostramos que A Coruña é unha cidade acolledora.

4. Voluntariado en tempos de COVID-19

Da Plataforma Coruñesa de Voluntariado, é unha proposta ben necesaria na actualidade. Un programa de formación en materia de prevención de riscos e seguridade sanitaria, dirixido ás persoas voluntarias en organizacións sen ánimo de lucro. Para sumar solidariedade e saúde.

5. Ruada no Campanario

Da Asociación Cultural Pandereteiras sen Fronteiras. Un proxecto que reúne o social e o cultural, e que consiste na gravación de varias pezas musicais entre as integrantes de PanSenFron e a veciñanza do Campanario. Poñendo en valor a multiculturalidade do propio barrio.

Unha promesa cumprida

Como explicou María García, “o PSOE subiu os soldos no Concello, e nós, dentro do noso Código Ético, poñemos eses cartos de máis ao servizo da cidade. Cumprimos unha palabra, e nestes momentos, todos os recursos son necesarios para afrontar esta crise, que só comezou a dar os seus primeiros pasos”. 

Con ese excedente salarial finánciase esta Xanela de Proxectos, que se repetirá en 2021, e a Oficina dos Dereitos, que xa comeza a funcionar  e que asesora ás persoas en situación vulnerable na súa relación coa administración, na solicitude de axudas e na defensa do seus dereitos. 

Pola súa banda, Inés Cebreiro lembrou que a Xanela de Proxectos ten tres obxectivos: “Contribuír a facer da Coruña unha cidade máis solidaria, coidadora e aberta, impulsar as ideas innovadoras no eido social e fortalecer o tecido asociativo da cidade”. 

Un total de 18 iniciativas presentáronse á convocatoria

En total, presentáronse 18 iniciativas, amosando a forza do asociacionismo coruñés, e resultaron elixidas as cinco mellor valoradas polo Comité Avaliador, composto por tres persoas, representantes da Coordinadora, o Grupo Municipal e o Grupo de Dinamización da Marea Atlántica. Os criterios de selección priorizaron as iniciativas baseadas na igualdade e o feminismo, a integración social e a dinamización comunitaria, a saúde, os coidados, os dereitos civís, o consumo responsable, a cultura e o ecoloxismo. E, por suposto, sen esquecer respostas directas á situación de pandemia na que nos atopamos. 

A Marea Atlántica asinará, o vindeiro martes 29 de setembro, un convenio con cada unha das entidades beneficiadas, que terá un prazo de seis meses para completar o seu proxecto a partir da data da sinatura. Existirá, non obstante, a posibilidade de flexibilizar o prazo ante atrasos xustificados pola situación sanitaria.