Saltar ao contido

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, explicou que o documento asinado hoxe baséase en “medidas concretas e verificables, de execución inmediata, e que irán en beneficio das maiorías sociais”

A gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, o impulso da Área Metropolitana, as bonificacións no bus para maiores de 65 e menores de 26 anos, o novo operador enerxético municipal, a aprobación definitiva da Ordenanza de Igualdade ou a continuidade dos Orzamentos Participativos son algúns dos proxectos incluídos no acordo

 

María García, voceira municipal a Marea Atlántica, e Inés Rey, en representación do PSOE da Coruña, compareceron hoxe en rolda de prensa para presentar os acordos político e organizativo acadados polas dúas organizacións políticas para o inicio do mandato, referendados onte pola Rede da Marea Atlántica. En palabras de García, “recollen os principios polos que sempre nos imos guiar na Marea, esteamos onde esteamos”.

“Con este paso, sentamos as bases para unha relación de colaboración e entendemento, un primeiro paso para que o Concello da Coruña se manteña na senda das políticas de progreso, con medidas concretas de execución inmediata, que poden poñerse en marcha nos vindeiros meses, todas en beneficio das maiorías sociais”, sinalou García. E engadiu que se abre “un tempo novo, de necesario diálogo, no que a Marea Atlántica vai ter un papel fundamental”.

Algúns exemplos son a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, o avance na constitución da Área Metropolitana, tarifas máis baratas para maiores de 65 e menores de 26 no transporte público, posta en marcha dun operador enerxético municipal vinculado a EMALCSA, aprobación definitiva da Ordenanza de Igualdade, creación dun programa de alugueiro social, ou solución á veciñanza de Elviña afectada polo Ofimático, e a continuidade dos proxectos xa previstos como o derrubo do viaduto da rolda de Nelle, o polideportivo do Castrillón, a ampliación do carril bici ou as propostas dos Orzamentos Participativos.

A voceira da plataforma municipalista lembrou que “o pasado 26 de maio, a cidadanía da Coruña votou claramente en favor dun goberno progresista no seu Concello, pero sen outorgarlle a maioría absoluta a ningún partido. Interpretámolo como unha chamada ao entendemento, e por iso a Marea Atlántica e o PSOE da Coruña acordamos sumar esforzos para poder sacar adiante as políticas transformadoras que demandan as veciñas e veciños da nosa cidade”.

O 6 de xuño, a Rede da Marea Atlántica acordou apoiar a investidura de Inés Rey como alcaldesa, e estableceu unha serie de prioridades políticas, as mesmas que guían toda a actividade da nosa organización. Vense traducidas neste acordo en forma de proxectos concretos e realistas. Para supervisar o seu grao de cumprimento, crearase unha comisión de seguimento que poderá ser convocada polas partes.

Comisións do bordo litoral, Transparencia e a Área Metropolitana

En canto ao acordo de organización, baséase no traslado da representación do Pleno ás comisións municipais, órganos colexiados e empresas públicas, garantindo a maioría progresista. Tamén se crearán tres comisións especiais, centradas no futuro do bordo litoral, no impulso a Área Metropolitana e na Cidade das TIC. As dúas primeiras estarán presididas pola Marea Atlántica, ao igual que a Comisión de Transparencia, Contratación Pública e Publicidade Institucional.

Os salarios quedan fóra deste acordo, xa que fixalos é unha potestade do goberno municipal. Como xa anunciamos, as concelleiras e concelleiros da Marea Atlántica manterán os límites salariais fixados polo noso Código Ético, os mesmos que no 2015. Só se actualizarán ao custo da vida despois de catro anos conxelados.

Documentos

Acordo político entre a Marea Atlántica e o PSdeG-PSOE para o inicio do mandato na Coruña

Proposta de organización municipal

María García: “O acordo co PSOE senta as bases dun entendemento, para que o Concello da Coruña non se afaste das políticas progresistas”