Saltar ao contido

O anterior goberno da Coruña deixou listo un prego para renovar o servizo da planta, mantendo o emprego e as condicións laborais. Sacalo adiante é un dos puntos do acordo asinado co PSOE a semana pasada

A voceira municipal da Marea Atlántica urxe á Xunta de Galicia a instar, como xa fixo o Concello, a que a empresa concesionaria cumpra coas súas obrigas e xestione os rexeites, ou a impoñerlle sancións en caso de que siga sen trasladalos a un xestor de residuos autorizado

María García, voceira municipal a Marea Atlántica, urxiu hoxe á Xunta de Galicia a facer cumprir coas súas responsabilidades á empresa concesionaria da planta de residuos sólidos urbanos de Nostián, Albada, para que xestione os rexeites que desde hai semanas acumula no exterior das instalacións. “O Concello xa fixo o seu traballo nas pasadas semanas e requiriulle formalmente á empresa que cumpra o contrato. Agora é a Xunta, competente en materia ambiental, quen ten que advertir claramente a Albada que, ou xestiona os rexeites e os traslada a un xestor de residuos autorizado ou lle imporá as sancións correspondentes. Porque o que está ocorrendo aquí é que a concesionaria non quere xestionar os rexeites, cando é unha obriga que ten por sentenza xudicial, unha obriga que non quere asumir polos elevados custos que ten, e que se suma á obriga que tamén ten de selar o vertedoiro”, advertiu durante a súa intervención no debate radiofónico de Onda Cero.

“Hai que obrigar ás concesionarias a que cumpran os seus contratos, tal e como estivo facendo a Marea Atlántica nestes catro anos, pero a competencia sobre os residuos é da Xunta, unha administración que abandona a aqueles concellos que non se rexen polo modelo de Sogama, cando o modelo da Coruña é o que responde ás esixencias que se están facendo desde a Unión Europea, e é un modelo de proximidade e que ademais mellora con moito as ratios de recuperación, triplicando as taxas de Sogama, o que ten unha repercusión económica beneficiosa para a planta e para a cidade”, incidiu a voceira da Marea Atlántica.

 

É preciso mellorar a planta para reducir os rexeites

Neste sentido, García chamou ao novo goberno municipal a licitar “canto antes” o novo contrato da planta de Nostián, para seguir avanzando nun modelo de xestión de residuos “que é polo que hai que seguir apostando, xa que os resultados saltan á vista respecto a outros modelos”. A licitación deste contrato é un dos 13 puntos do acordo político asinado co PSOE da Coruña a semana pasada, e a súa aprobación é fundamental para seguir avanzando “na mellora da compostaxe e na recuperación de materiais, para reducir o número de rexeites”.

Como recordou, o novo contrato que botou a andar o anterior goberno municipal trae aparellado un investimento de 42 millóns de euros para introducir melloras na planta que van dirixidas, sobre todo, a aumentar a capacidade de recuperación de lixo dunhas instalacións que xa duplican a media estatal en canto a recuperación de envases. Tamén blinda os postos de traballo e as condicións laborais. “Falamos do modelo correcto, un modelo de proximidade que supón ademais unha perspectiva metropolitana na xestión dos residuos, e que, ademais, está falado xa co Consorcio das Mariñas”, subliñou.

Como tamén lembrou a portavoz do grupo municipal da Marea Atlántica, o novo contrato municipal de recollida de residuos que está en licitación introduce novidades como a recollida separada para grandes produtores como é a hostalería ou a industria, ou a compostaxe caseira, entre outras, que complementan as melloras que vai supoñer para a xestión dos residuos na cidade a nova licitación da planta de Nostián, e dan continuidade ás políticas desenvolvidas pola Marea Atlántica no ámbito dos residuos, tanto coas melloras que acompañan os novos contratos como tamén no ámbito da sensibilización, como as campañas de concienciación desenvolvidas ou as de recollida selectiva nas zonas de maior concentración hostaleira da cidade. Tamén “Pero agora é o momento de dar un paso máis para que a cidadanía colabore na separación en orixe dos distintos tipos de residuos”, sinalou.

María García chama a licitar “canto antes” o novo contrato de Nostián para seguir afianzando o modelo de xestión de residuos da cidade