Saltar ao contido

O máximo órgano de decisión da Marea acorda o posicionamento do grupo municipal de cara á sesión plenaria do vindeiro 15 de xuño, pero avisa de que “non se trata dun cheque en branco”.

“Toda a nosa atención estará posta nos compromisos que o PSOE da Coruña sexa capaz de asumir nestes primeiros días, compromisos ou omisións que marcarán un contexto de gobernabilidade por si complexo”, indica o documento aprobado.

 

A Rede da Marea Atlántica acordou hoxe que os concelleiros e as concelleiras do grupo municipal daranlle o seu apoio á candidata do PSOE á Alcaldía da Coruña na sesión plenaria de investidura que se celebrará o vindeiro 15 de xuño. O máximo órgano de decisión da formación municipalista aprobou un documento que sinala esta decisión evidencia que esta decisión parte dun exercicio de “honestidade, transparencia e fondas conviccións democráticas”, algo que contrasta coa situación vivida hai catro anos. Nese momento, e segundo recorda tamén o documento validado pola Rede, o Partido Socialista esixiu que o voto na sesión de investidura fose secreto e en urna, baixo a ameaza de darlle a Alcaldía ao PP se non se garantía antes, publicamente e sen condicións, a presidencia do PSOE na Deputación.

Do mesmo xeito, a Rede tamén acordou, en base aos resultados electorais do pasado 26 de maio que derivaron na apertura dun novo ciclo político na cidade, “articular un tempo para a reflexión e o debate aberto, sen medo nin imposicións” sobre o xeito de abordar a situación na que cidadanía colocou á Marea Atlántica. Unha posición que, a pesar de todo, segue a ser decisiva para a gobernabilidade, grazas ao apoio do 20,2% do electorado da cidade e da pegada imborrable do alcalde Xulio Ferreiro, un referente para o futuro.

O posicionamento aprobado especifica tamén que, á marxe do apoio á investidura da candidata socialista, “o voto dos nosos concelleiros e concelleiras, igual que o da cidadanía, non é un cheque en branco”. “Toda a nosa atención estará posta nos compromisos que o PSOE da Coruña sexa capaz de asumir nestes primeiros días, compromisos ou omisións, no seu caso, que sen dúbida marcarán un contexto de gobernabilidade xa de por si complexo”, indica o documento, en alusión a que ningunha formación municipal neste momento conta co volume de representación que acadou a Marea Atlántica en 2015.

Non pode aceptarse o retroceso nas políticas para as persoas

photo_2019-06-06_19-40-35“Mirar cara adiante, con ambición transformadora e sen retroceder nas conquistas sociais, deberá ser unha palabra de orde común a todas as forzas políticas que se din progresistas neste tempo”, advirte o texto aprobado, que enumera unha serie de liñas de actuación políticas postas en marcha nos últimos catro anos e que nas que non cabe retroceso por parte de ningún goberno local.

Estas liñas de actuación resúmense nos principios de transparencia, cooperación e respecto pola pluralidade, igualdade e radicalidade democrática, o rexeitamento ao clientelismo e a corrupción, a tolerancia cero coa especulación urbanística, a recuperación do bordo litoral, o liderado nas políticas de benestar e proximidade, a constitución da Área Metropolitana da Coruña, a loita contra o cambio climático e a prol da mobilidade sostible e a continuidade de proxectos estratéxicos para A Coruña: a Cidade das TIC, a humanización da Vedra ou a execución do máis de 25 millóns de euros en fondos europeos conseguidos pola Marea Atlántica.

Documento completo: Posicionamento da Marea Atlantica cara a investidura

A Rede decide que as concelleiras da Marea Atlántica favorezan a investidura da candidata do PSOE da Coruña