As nosas concelleiras e concelleiros manterán o seu salario base de 35.000 euros anuais, actualizándoo ao coste da vida. Durante os últimos catro anos mantívose conxelado
María García: “Fixar os soldos é unha prerrogativa do goberno. Nós usámola en 2015 para cobrar a metade que o equipo do Partido Popular”
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, explicou hoxe a nosa postura ao respecto dos salarios na nova corporación xurdida das eleccións do 26M: “Os soldos non están a ser obxecto de negociación do PSOE da Coruña, e as concelleiras e concelleiros temos claro o que imos cobrar, o que marcan os límites do noso Código Ético”. Deste xeito, manterán o seu salario base de 35.000 euros anuais, que mantiveron conxelado durante os últimos catro anos, actualizándoo ao custe da vida en 2019, segundo a variación do IPC.
A prerrogativa de fixación dos salarios é do goberno, coma o foi en 2015. Nós empregámola para reducir os soldos e establecemos un goberno que lle custaba á cidadanía a metade que o do Partido Popular. A suma dos salarios dos cargos electos no equipo de Xulio Ferreiro era de 320.000 euros anuais, fronte aos 615.000 do executivo de Carlos Negreira.
En palabras de María García, “fixémolo para non perder de vista cales son as condicións de vida da maioría da poboación. O goberno dunha cidade debe estar acorde coas persoas ás que administra. A política debe verse como un servizo público e non como unha profesión; a dignidade da política non vai vinculada a un maior salario”.
Renuncia ao excedente salarial
Porén, no que respecta ao grupo municipal da Marea Atlántica, a prerrogativa de decidir o que cobramos é só nosa, e imos manter as pautas salariais do noso Código Ético: as mesmas que en 2015, coa suba correspondente ao aumento do custo da vida. Así foi o acordado na Marea Viva que se celebrou en xaneiro de 2018.
Se o Partido Socialista da Coruña opta por incrementar os salarios, as concelleiras e concelleiros da Marea Atlántica renunciarán ao excedente para dedicalo a outras fins, como o financiamento de proxectos de innovación social e o apoio ao traballo dos movementos cidadáns, entre outras cuestións.