Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica percorreu o barrio de Labañou en compañía da asociación veciñal e recolleu as súas achegas en materia de mobilidade, rehabilitación e oferta cultural 

Os promotores inmobiliarios teñen deberes ademais de dereitos e en Percebeiras non cumpriron: con vontade política, pode reconducirse o proxecto e facelo máis beneficioso para o barrio

 

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, fixo onte un percorrido polo barrio de Labañou, acompañado por representantes da asociación veciñal Francisco Rodríguez Otero, e comprometeuse a “empregar todas as ferramentas urbanísticas e políticas do goberno, despois do 28 de maio, para converter As Percebeiras nun espazo libre e á disposición da veciñanza de Labañou”.

En Percebeiras, e co visto e prace de Inés Rey, está previsto construír 12 bloques de vivendas de ata 13 alturas que rematarán co último espazo aberto do barrio, taparán a vista da Torre e alterarán a contorna do espazo natural protexido das Illas de San Pedro. Porén, os instrumentos de planeamento que se empregaron para autorizar este proxecto están xa caducados, o que abre a porta a superar este modelo de altísima densidade.

Como lembrou Xan Xove, “os promotores inmobiliarios non só teñen dereitos, tamén teñen deberes. E en Percebeiras, incumpríronos. Con vontade política e traballo, pódese reconducir o proxecto cara algo máis acorde co século XXI, con espazos libres e servizos para a veciñanza”. Ademais de pola directiva da AVV, Xove estivo acompañado polos números 2, 3 e 4 da súa lista, Bea González de Canales, Rodri Gil e a arquitecta Chiqui García, e pola voceira municipal da Marea Atlántica, María García.

O noso candidato escoitou ademais, as demandas da AVV para darlle continuidade ao trazado do carril bici ata chegar á Escola Oficial e Idiomas e á UNED, para facilitar o acceso do estudantado. Son necesarias, tamén, medidas para pacificar o tráfico, sobre todo na avenida de Gran Canaria, a rolda de Outeiro e a súa contorna.

 

As demandas da asociación veciñal

Outra conta pendente con Labañou é aumentar a oferta cultural, descentralizando o programa de actividades que neste mandato permaneceu demasiado pegado aos Cantóns. E ofrecer novas actividades de ocio e lecer para a mocidade, tanto nas pistas deportivas do barrio coma a través do programa Nocturnia.

Xan Xove tamén se comprometeu a mellorar as condicións de salubridade do local da AVV, que nestes momentos carece de rede de saneamento separada entre augas pluviais e fecais.

Finalmente, a asociación reclama que se recupere Educación en Rúa, unha iniciativa do pasado mandato que permitiu mellorar a convivencia no barrio, e que deu moi bos resultados noutros puntos da cidade, coma a Sagrada Familia.

 

Xan Xove: “Empregaremos todas as ferramentas do goberno para converter As Percebeiras nun espazo libre para a veciñanza de Labañou”