Saltar ao contido

O documento que identifica a capacidade da Coruña para producir enerxía renovable é a pedra angular da futura política enerxética do Concello. Forma parte dos acordos entre Psoe e Marea Atlántica asinados xa en 2020

O candidato da Marea Atlántica comprométese a impulsar proxectos como a empresa municipal de enerxía, o autoconsumo e comunidades enerxéticas, “decisivos para reducir a dependencia do Concello das grandes empresas”

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, reclamoulle hoxe ao goberno municipal “que faga público canto antes o Mapa da Enerxías Renovables, pactado xa en 2020, encargado a Emalcsa hai un ano, e que xa está redactado, pero non publicado. O Mapa das Renovables identifica a capacidade da cidade de producir a súa propia electricidade desde fontes renovable, e por iso é a pedra angular para avanzar na soberanía enerxética do Concello da Coruña, e reducir a dependencia do mercado e a cobiza as grandes empresas”.

Xove explicou que o Mapa das Renovables serve para identificar os lugares nos que o Concello da A Coruña podería instalar equipos de xeración de enerxía, nesta primeira fase enerxía solar e minieólica, con vistas a estudar outras fontes coma a hidráulica ou a produción de biogás —da que xa existen experiencias alentadoras na depuradora de Bens e na planta de Nostian que se poden escalar—. O obxectivo é desenvolver unha política enerxética propia.

En palabras do candidato, “foi unha iniciativa impulsada desde a Marea Atlántica, dentro dos acordos xa para os orzamentos 2020. O goberno local empregouna para anunciar o seu compromiso coas renovables, pero lamentablemente vai demasiado lento”.

A nosa voceira municipal, María García, engadiu que “xa que Inés Rey está a apurar o prazo antes do período de sombra electoral para actos propagandísticos, anuncios e inauguracións contra o reloxo, ben poden publicar mañá o Mapa, un documento que xa ten que estar rematado, e que resulta decisivo para que o Concello xere a sua propia enerxía na cidade, con baixo impacto ambiental e alta rendibilidade social”. Unha vez que o Mapa das Enerxías Renovables identifique a capacidade da Coruña para a produción eléctrica limpa, ábrese o camiño do autoconsumo individual e colectivo, e dos proxectos de comunidades enerxéticas.

 

Poucos avances neste mandato

Lamentablemente, os acordos que o PSOE asinou co a Marea Atlántica en materia de política enerxética van demasiado lentos.  A empresa municipal de enerxía leva máis dun ano atascada en fase de estudo. O plan de emprego e formación relacionado coas enerxías renovables non chegou a comezar. Non se constituíu a Oficina da Enerxía para asesorar á veciñanza sobre como baixar a súa factura da luz. E tampouco se puxeron en marcha as iniciativas piloto para producir enerxía renovable.

Os recentes incendios forestais no inicio da primavera son unha evidencia máis de que a emerxencia climática xa está aquí, polo que debemos acelerar as políticas municipais cara unha transición enerxética ambiciosa.

Temos un modelo claro a seguir, a EDAR Bens coa súa produción de biogás a partir de residuos, posta en marcha en 2016. Pero o goberno de Inés Rey non ten a política enerxética entre as súas prioridades. Terá que ser a Marea Atlántica, cando volva ao goberno este 28 de maio, á que desenvolva estes proxectos, tal e como se comprometeu Xan Xove nunha recente visita á EDAR.

Xan Xove reclámalle ao goberno municipal que publique o Mapa das Enerxías Renovables, que xa está redactado