“Todas as iniciativas de naturalización urbana foron esquecidas ou recortadas nos últimos catro anos. A senda fluvial que conectaba o centro cívico co cemiterio de Feáns contaba con fondos e con todos os permisos en 2019″, denunciou o candidato á Alcaldía
O cabeza de lista da Marea Atlántica percorreu o núcleo de Feáns da man da asociación veciñal, e comprometeuse a mellorar o espazo público e recuperar os camiños tracidionais
O cabeza de lista da Marea Atlántica e candidato á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, asumiu esta semana o compromiso de negociar coa Deputación medidas para pacificar o tráfico na estrada principal de Feáns, estudando o seu traspaso ao Concello. É unha vía provincial, que da servizo a centros escolares, pero que está a experimentar unha crecente densidade de tránsito, sobre todo na circulación de vehículos pesados, que se agravará coa entrada en funcionamento do polígono de Morás en Arteixo.
“O problema é moi sensible na estrada de Feáns, pero todo o barrio precisa de actuacións para pacificar o tráfico e garantir o cumprimento dos límites de velocidade e a sinalización viaria”, explica Xan Xove. En paralelo, e como parte da renovación da rede de bus que terá lugar coa nova empresa municipal de transportes en 2024, mellorarase a cobertura do barrio.
Xove prometeu tamén completar os proxectos pendentes de naturalización e humanización no barrio de Feáns. É o caso da senda fluvial ao longo do río Feáns que se deseñou no goberno de Xulio Ferreiro para conectar o barrio, que conta dende 2018 cun proxecto redactado e cos permisos necesarios, e que leva catro anos gardada nun caixón por parte de Inés Rey. Ou do Bosque de Breogán, que se executou neste mandato, pero con menos da metade das hectáreas previstas e negociadas coa veciñanza.
“Feáns notou moito o nulo interese do goberno de Inés Rey pola naturalización urbana e o coidado ambiental. Os proxectos en curso remataron esquecidos ou gravemente recortados, a pesar de que o déficit de espazos naturais na Coruña é grande, e temos que actuar para corrixilo en todos os barrios. A cidade precisa respirar, para que a xente gañe saúde e para conter os efectos da emerxencia climática”, explica Xan Xove. Lembremos que a OMS recomenda ter unha zona arborada a menos de 500 metros da casa, e na Coruña un 67% da poboación está fóra dese radio aconsellado.
Beirarrúas e recollida de augas pluviais
O candidato percorreu o núcleo de Feáns da man da asociación veciñal, e acompañado polos número 4 e 5 da nosa candidatura, a arquitecta Chiqui García e o profesor Javier Pérez, e pola voceira municipal da Marea Atlántica, María García. E asumiu a necesidade de coidar o espazo público do barrio, con ampliación de beirarrúas, mellora da recollida de augas pluviais e control dos edificios en estado ruinoso, que proliferan nas proximidades do parque infantil da urbanización Breogán.
O candidato apostou tamén por peonalizar as rúas Campos e Agra, recuperar os camiños tradicionais da Rofana e Agüeira, e darlle o axeitado mantemento ao camiño de Campos, por ser unha ruta de acceso ao Castro de Elviña. Conservar estes roteiros é unha demanda histórica en Feáns.