Tras 20 meses de mandato, a única boa nova para o transporte público na Coruña chegou herdada da Marea Atlántica: a sentenza que avala a legalidade de baixar o billete do bus
O novo mapa de liñas de autobús, a ampliación do carril bici, a coordinación do transporte metropolitano e moitas outras cuestións seguen pendentes
A Marea Atlántica defenderá no vindeiro Pleno unha moción para reclamarlle a Inés Rey que cumpra as súas promersas e aposte dunha vez por fomentar o transporte público e a mobilidade sostible na Coruña. A nosa proposta chega despois de que, logo de 20 meses de mandato socialista, a única boa nova para o transporte públíco chegase o pasado luns en forma de herdanza do goberno de Xulio Ferreiro. Falamos da sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 4 que avalou a decisión de baixar o billete do bus en 2019, por primeira vez 30 anos.
Esa baixada de tarifas significou recortar os beneficios privados da Compañía de Tranvías, superiores aos 4 millóns de euros anuais e 30 veces o que gaña a empresa de transportes de Vigo. E, a cambio, faciltar o uso do bus a toda a veciñanza, en especial a quen menos ten. Tivo efectos moi visibles antes da pandemia, batendo en 2019 a marca de viaxes en autobús urbano: 23 millóns, 1.112.726 máis có ano anterior.
A sentenza sinala un beneficio “extraordinario ou excepcional por excesivo” da Compañía de Tranvías, polo que tendo en conta a duración do convenio de 38 anos, “entra dentro do razoable e proporcionado que o Concello poida revisar as tarifas (…) sendo desproporcionado o equilibrio entre o beneficio da Compañía e o interese público da cidadanía”. Por iso, pedímoslle a Inés Rey que amose un pouco da valentía que tivo Xulio Ferreiro e comece a defender a mobilidade xusta e sostible e priorice, ademais, as necesidades dos barrios.
Longa lista de promesas incumpridas
Ante a case total parálise de Inés Rey e o seu equipo en políticas de mobilidade obríganos a lembrarlle a gran cantidade de acordos sen cumprir que ten coa Marea Atlántica, tanto no pacto para o inicio do mandato coma nos Orzamentos 2020, e todas as promesas que ela mesma realizou e ten gardadas nun caixón. Son as seguintes:
- Aplicar as bonificacións para menores de 26 e maiores de 65 anos na tarifa do bus, acordadas coa Marea Atlántica no pacto de investidura.
- Implantar unha tarxeta Millenium Sen Barreiras para persoas en situación de vulnerabilidade e con diversidades funcionais.
- Presentar en 2021 un novo mapa de liñas de bus adaptado á Coruña de hoxe, reformando as liñas para atender as necesidades dos barrios e mellorar a conectividade de hospitais, polígonos industriais, centros de ensino, etc.
- Crear en 2021 una nova liña que conecte as vías de entrada na cidade coas estacións de autobuses e tren, así como co polígono de Agrela.
- Fomentar a cultura do transbordo para mellorar a conectividade dos centros hospitalarios e de saúde con paradas, liñas e frecuencias.
- Ampliar o horario do bus nocturno na fin de semana.
- Acondicionar as paradas de bus urbano para que sexan accesibles e máis confortables. Revisión da concesión das marquesinas.
- Implantar o carril bus tantas veces prometido neste mandato.
- Comezar o estudo das posiblidades de xestionar as liñas de buses de xeito directo, cando a concesión á Compañía de Tranvías en 2024.
- Desenvolver, canto antes, campañas de fomento do uso do transporte público como un medio de transporte seguro, así como a incrementar todas as medidas de prevención que sexan precisas ante a covid-19. Demasiada xente está volvendo a usar o coche privado nestas datas, cun negativo impacto ambiental e no tráfico.
- Poñer en marcha da APP Millenium para o pago do transporte público a través do móvil. Pode facerse dun xeito inmediato, xa que a maior parte do traballo quedou feito polo goberno da Marea Atlántica.
- Finalmente, instamos ao goberno municipal e ao da Xunta de Galicia a retomar e acelerar o traballo para a creación dunha autoridade única para o transporte metropolitano, que se adapte á realidade da comarca coruñesa e coordine a mobilidade entre os diferentes concellos.