O mércores convocaremos á Comisión do Bordo Litoral para solicitar información sobre os acordos reais e tanxibles da xuntanza celebrada o martes en María Pita
María García: “Non se pode consentir que un alto cargo do Goberno do Estado desprece deste xeito a vontade da xente da Coruña e os consensos dos últimos anos”
A Marea Atlántica considera gravísimas e intolerables as declaracións realizadas onte polo presidente de Puertos del Estado, Francisco Toledo, nas que pretende recuperar os convenios de 2004 e vender terreos nos peiraos interiores para pagar a débeda. “Non se pode consentir que un representante do Goberno do Estado desprece así esta cidade. Unha vez máis, tocará deixarlle claro que A Coruña e o seu borde litoral non están en venda”, sinala a voceira, María García.
As súas palabras nunha emisora de radio foron moito máis claras que as que pronunciou o martes na Coruña, defendendo que a Autoridade Portuaria “rendabilice activos” para pagar a débeda sen unha soa axuda do Estado. Con esta actitude, enténdese que o “cumio histórico” tan anunciado polo goberno de Inés Rey fose un fracaso histórico . Pedímoslle á alcaldesa que se desmarque das declaracións de Toledo e se poña do lado do interese xeral e dos consensos dos últimos anos.
María García anuncia que convocará este mércores a Comisión Especial do Bordo Litoral, organismo que preside, para que o goberno litoral dea conta dos acordos tanxibles da reunión do martes, e para expresar un rotundo rexeitamento ás palabras do presidente de Puertos del Estado.
A trampa da débeda
“Francisco Toledo, alto cargo nomeado polo PSOE desde o Ministerio de Transportes, amosou nas súas declaracións un desprezo absoluto pola vontade da xente da Coruña e polos consensos expresados nos últimos anos, tanto na rúa como en acordos políticos do Concello, a Deputación e o Parlamento de Galicia. Preguntámonos se Inés Rey está de acordo co representante do seu partido”, sinala María García.
Estes consensos están claros e deben respectarse: condonación da débeda, conexión ferroviaria ao porto exterior, uso e titularidade pública dos peiraos, protección da pesca e os sectores produtivos e participación cidadá. Non renunciaremos a ningún deles.
Fronte a estes acordos, o presidente de Puertos del Estado reclama que se cumpran os convenios asinados en 2004, os mesmos que permiten a construción de 4.000 vivendas nos terreos portuarios, vendendo solo nos peiraos e poñendo en perigo a lonxa e a actividade produtiva. É realmente iso o que quere Puertos del Estado para A Coruña?
“Condonar a débeda non só é posible, é a única saída realista para o porto da Coruña. Para manter os postos de traballo que dependen da economía do mar. O único necesario é vontade política. Ou pretenden usar a débeda como escusa para xustificar una operación inmobiliaria?”, pregúntase María García.
O outro motivo de Puertos del Estado para resistirse a condonar a débeda semella ser financiarse a costa da cidade. Lembremos que a Autoridade Portuaria xa pagou máis de 40 millóns de euros só en intereses, sen conseguir amortizar un so euro do préstamo. E o único acordo real da xuntanza do martes foi estender a situación por 15 anos.
A comparación con Valencia
Toledo emprega, ademais, unha dobre vara de medir. Antes de presidir Puertos del Estado, estivo á fronte da Autoridade Portuaria de Castellón. A mesma que acaba de conseguir un investimento de ADIF de 140 millóns de euros para financiar a súa conexión ferroviaria.
Tal e como denuncia María García, “é tremendo que alguén da Comunidade Valenciana veña rifarnos á Coruña. Alí, primeiro o Estado fixo chover millóns para a Copa América e a Fórmula 1, e logo se condonaron os 400 millóns de débeda da Marina de Valencia. Aquí veña alguén a pegarlle unha bronca á Coruña e emprazarnos a vender terreos para financiar o porto exterior, unha obra de interese xeral e que chega para afastar os grandes barcos da cidade logo de tres mareas negras”.
Cómpre lembrar que neses mesmos convenios de 2004 que agora reivindica Toledo, decidiuse facer o Porto Exterior sen dotalo dun enlace ferroviario, converténdoo nunha das dúas únicas dársenas do Estado que non teñen conexión por tren. Por iso resulta agora ridículo que ADIF está a preguntarse pola “viabilidade” de finaciala.
Finalmente, poñamos sobre a mesa que a da Coruña é unha comarca afectada pola descarbonización e o peche das centrais de Meirama e As Pontes. Por iso mesmo precisa infraestruturas viables coma o porto exterior para unha transición ecolóxica xusta, e por iso mesmo o tren a Punta Langosteira pode optar a financiarse con fondos europeos Next Generation. Non facelo é un dobre castigo.