Foi necesario preguntalo durante un debate en directo na radio, tras meses ignorando as solicitudes na Comisión de Facenda e ocultando información
Iago Martínez: “A Inés Rey nunca lle faltaron os votos da Marea Atlántica cando se trata de avanzar e facer política social. O que non podemos facer é gobernar por ela. E o grao de execución dos acordos está a ser preocupante”
O portavoz do goberno municipal, José Manuel Lage, recoñeceu hoxe, durante un debate en directo en Radio Coruña, que faltan aínda 600 axudas por pagar dentro o plan de choque contra a crise da COVID19, o chamado Presco. Comezaron a tramitarse en xullo do ano pasado e, presuntamente, eran “de urxencia”. Foi necesario que o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, llo preguntase en antena para obter esta información, logo de varios meses ocultándoa na Comisión de Facenda.
Deste xeito, agora sabemos que non só hai uns 600 pequenos negocios agardando por apoio municipal desde hai nove meses, senón que o motivo da espera é que o Concello quedou sen fondos para esta liña de axudas. E en lugar de negociar un modificativo para trasladar cartos desde algunha das moitas áreas do Presco que quedaron sen gastar, preferiron agardar por un convenio coa Deputación que non se confirmou ata o 26 de febreiro.
“É unha mostra da alerxia que lle ten este goberno ao diálogo, ata o punto de poñer en risco a fonte de ingresos de centos de fogares. E non entendemos por que. A Inés Rey nunca lle faltaron os votos da Marea Atlántica para poñer en marcha políticas socias e avances para a cidade, pero ela semella que está máis cómoda facéndolle oposición á oposición”, sinalou Iago Martínez. Diso dan boa conta a falta de Orzamentos 2021, a pesar de que a maioría do Pleno xa os pediu ata en tres ocasións, a cacicada coa que se impediron emendas que melloraban os convenios, ou o nulo diálogo sobre a renovación do Presco.
Onde está a alcaldesa?
“O que nos preguntamos, toda a oposición, é o mesmo que se preguntan nos barrios. O mesmo que se pregunta a xente de Alu Ibérica ouda fa pequena hostalería da Coruña cada vez que se manifesta. Onde está a alcaldesa? Por que en dous anos de goberno nunca sentou a falar co resto dos grupos? Por que non atende aos colectivos coruñeses que están a padecer o peor da crise”, argumentou o vicevoceiro da Marea Atlántica. Pediulle, por isto mesmo, que deixe de pensar en “fotos históricas” e se centre en 2021, onde hai unha cidade que precisa un goberno á altura.
Martínez fixo referencia, tamén, ao “descalabro” do “cumio histórico” sobre o futuro do porto, que non só rematou sen compromisos concretos, senón co presidente de Puertos del Estado chamando a vender os peiraos, e coa presidenta de ADIF poñendo en dúbida o tren a Punta Langosteira, “cunha claridade coa que nunca antes se atreveran a falar”. Ambos son cargos do PSOE, do mesmo partido que Inés Rey, que non se atreve a levarlles a contraria con claridade. “Xulio Ferreiro non tería aturado estes insultos en silencio. Pero claro, Xulio Ferreiro non perdía o norte por unha foto”, concluíu Iago Martínez.