Saltar ao contido
Autobús urbano de A Coruña en una parada.

María García: “Queda demostrado que o goberno de Xulio Ferreiro tiña razón e que as críticas de Inés Rey eran infundadas. O PSOE xa non escusas. Debe poñerse a traballar para fomentar o transporte público”

A sentenza considera “desproporcionado” e “excesivo” o beneficio da Compañía de Tranvías, que chega a ser 30 veces superior que a empresa de transporte de Vigo


Foi legal baixar o billete do bus na Coruña en 2019, por primeira vez en décadas. A sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº4 desestimou a denuncia da Compañía de Tranvías contra a decisión do goberno de Xulio Ferreiro de reducir as tarifas, e faino dun xeito moi claro: “(…) detectouse un beneficio industrial da compañía extraordinario ou excepcional por excesivo e tendo en conta a duración do convenio, trinta e oito anos, entra dentro do razoable que o Concello poida revisar tarifas (…) sendo desproporcionado o equilibrio entre o beneficio da Compañía e o interese público da cidadanía”. O que sempre dixemos.

Desde a Marea Atlántica celebramos unha sentenza que, en palabras da nosa voceira, María Garcia, “demostra que o goberno de Xulio Ferreiro tiña razón nos seus argumentos e que as críticas de Inés Rey eran infundadas. Servían de escusa para xustificar dous anos en branco en canto a medidas de fomento do transporte público”. Esixe, ademais, “a implantación inmediata das novas tarifas con descontos para maiores de 65 anos e menores de 25”, tal e como recolle o acordo entre a Marea Atlántica e o PSOE para o primeiro ano de mandato. “Agora xa non hai escusas para non cumprir”.

Pola súa banda, o ex-concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, responsable da baixa de tarifas co apoio do seu equipo, sinala que a sentenza “pon de manifesto que as condicións económicas do contrato de transporte público son moi prexudiciais para o Concello e a cidadanía da Coruña, aínda que outros gobernos escollesen calar ante elas. As decisións que tomamos no pasado mandato foron as correctas”.

Cómpre lembrar que, ata o de agora, todas as declaracións públicas de Inés Rey e o seu goberno foron críticas coa baixada do bus, poñéndose do lado da empresa e chegando a expresar que o Concello perdería a sentenza. Pedímoslle tamén unha rectificación inmediata, para poñerse do lado da veciñanza. Ante a pasividade do goberno, Tranvías leva once meses de pandemia sen reforzar as liñas nas horas punta, e varios anos sen facer melloras na flota, coa escusa de que a baixada do billete reducía os seus beneficios. A realidade é que en 2018 pechara o ano con 30 veces máis beneficios que a empresa de transportes de Vigo. 

A primeira baixada do billete en décadas

En febreiro de 2019 o billete do bus baixou 10 céntimos en toda as tarifas, pasou a ser de balde para menores de 13 anos e incorporou o transbordo gratuíto en todas as liñas durante 45 minutos. Foi a primeira vez en 30 anos que se reducía o prezo do transporte público na Coruña. Nos primeiros anos deste século a suba foi especialmente esaxerada. Entre 2007 e 2013, cunha tremenda crise económica, o goberno bipartito de PSOE-BNG e o goberno do PP subiron o prezo do bus un 34%, mentres os salarios minguaban e o paro aumentaba.

A baixada do billete deixouse notar antes da pandemia. En 2019, A Coruña bateu marcas de persoas usuarias do transporte público: 23 millóns, un millón máis ca o ano anterior. As políticas do goberno de Xulio Ferreiro marcaron a liña que se debe seguir en mobilidade. 

A Xustiza avala a rebaixa do billete do bus na Coruña