María García: “É unha medida que comezará o 1 de setembro, e xa se confirmou en Valencia, Madrid, Catalunya… aquí o goberno local prometeu estudalo hai un mes e non se soubo máis”
A Compañía de Tranvías sae gañando case un millón de euros grazas ás axudas públicas pola pandemia, pero leva sete anos sen renovar a flota. Debería estudarse a municipalización do servizo de bus
A Marea Atlántica insta ao goberno local a aplicar canto antes a rebaixa do 30% nos abonos de transporte público, impulsada desde o Estado, dentro do seu paquete de medidas anticrise. Entrará en vigor o 1 de setembro, pero é tarefa das autonomías e concellos facer os deberes para aplicala, algo que xa confirmaron Madrid, Valencia, Catalunya e varios municipios de todo o territorio español.
“Hai case un mes que o concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, prometeu ‘estudar’ esa rebaixa dun 30% na Tarxeta Millenium, cando lle preguntamos no Pleno do mes de xullo. E non volvemos saber nada máis dunha medida que beneficiaría á veciñanza da Coruña nun contexto de suba xeralizada de prezos e emerxencia climática”, explica a voceira da Marea Atlántica, María García.
García lembra que última medida de calado que se tomou na Coruña para fomentar o transporte público foi a baixada das tarifas en febreiro de 2019, co goberno de Xulio Ferreiro. Unha medida moi beneficiosa, que supuxo o aumento de máis dun millón de viaxes en bus urbano e lle facilitou a vida a moitas familias (xa que agora os menores de 13 anos viaxan de balde).
Tranvías segue a sumar beneficios a costa do público
A resposta da empresa, que ese mesmo ano repartiu 2,6 millóns de dividendos entre os seus accionistas, foi acudir aos tribunais, nun proceso que segue pendente de resolverse. E mentres, levan sete anos sen renovar a flota, sen melloras nas liñas, e mantendo case un cento de buses con motor diésel que contaminan máis do necesario.
Tras coñecer as contas da Compañía de Tranvías correspondentes a 2021, queda claro que a empresa responsable do transporte urbano da Coruña segue a ter uns beneficios difíciles de xustificar nun servizo 0público. Declarou perdas de 1,9 millóns de euros o ano pasado, e de 2,7 millóns en 2020, durante o peor da pandemia. Perdas que quedan sobradamente compensadas polos 5,5 millóns de euros de fondos do Estado que recibirá en 2022, aprobados polo goberno local pero cun reparo de legalidade e un duro informe contrario do interventor. Ao final, Tranvías quedará con case un millón de euros grazas ás axudas fronte á COVID19.
“Preguntámonos que fará a Compañía de Tranvías a cambio desta axuda extraordinaria. Van prestar por fin un servizo axeitado de bus aos polígonos industriais e aos hospitais? Van renovar a flota de buses que leva igual desde 2014? Vai haber novas bonificacións ao billete para maiores de 65 e menores de 25, tal e como se comprometeu o goberno local no pacto de investidura que asinou con nós? Van Ou van facer o de sempre, coller os cartos e gardalos no peto dos seus accionistas?”, declarou María García.
Semella claro que ter privatizado un servizo tan importante coma o transporte público sáelle carísimo a veciñanza da Coruña, polo que o goberno local debería estudar a súa municipalización a partir de 2024, cando remate a concesión vixente. Para que o transporte público non sexa un negocio secuestrado por unha empresa privada.