Saltar ao contido

É necesario acelerar o cumprimento de acordos como o Mapa das Enerxías Renovables, que estuda os puntos para producir enerxía limpa na cidade, e que inclúe instalacións de autoabastecemento en edificios municipais, que agora serán máis doadas de tramitar 

María García: “Desde as institucións temos que dar exemplo nun momento de crise enerxética e social. Non se poden tolerar actitudes frívolas e egoístas dos responsables públicos”

A Marea Atlántica insta ao goberno local a aproveitar as medidas de aforro enerxético anunciadas polo Estado para poñer en marcha as políticas previstas neste ámbito dentro do pacto co noso grupo na aprobación dos Orzamentos 2022. É preciso continuar coa posta en marcha da empresa eléctrica municipal, e finalizar o Mapa das Enerxías Renovables, no que se inclúe un programa piloto para instalar enerxia minieólica e solar nos edificios municipais.

O Mapa das Enerxías Renovables, que está a ser elaborado por Emalcsa, estuda as mellores ubicacións na cidade para xerar enerxía renovable e instalacións de autoconsumo, comezando pola enerxía minieólica e solar, pero sen descartar outras fontes coma a hidráulica ou o biogás que xa se produce na EDAR Bens. Na súa primeira fase céntrase en localizar os edificios municipais que poderían autoabastecerse de electricidade con xeradores fotovoltaicos ou eólicos, un programa piloto dotado con 250.000 euros no orzamento e cuxa tramitación facilita novo decreto do Ministerio de Medio Ambiente.

A voceira da Marea Atlántica, María García, explica que “estamos nun momento de crise enerxética, cunha suba desmedida do prezo dos combustibles fósiles, que está a causar xa problemas en instalacións deportivas coma o Club do Mar de San Amaro, San Diego ou proximamente  no Castrillón”. E fai un chamamento a buscar solucións específicas a través de tecnoloxías coma a bomba de calor, para garantir a súa viabilidade.

García reclama que se aproveiten axudas públicas, os fondos europeos e as medidas que se están a impulsar neste momento “para dar exemplo desde as instituciónse  prepararnos para un futuro que xa está aquí”. Pois  “non se poden tolerar declaracións frívolas e irresponsables. No canto de falar dos escaparates e das luces de nadal, deberiamos estar a falar de como garantir o subministro nos vindeiros meses e anos nas vivendas, nas empresas e nos servizos esenciais. Algunhas actitudes de responsables públicos que teñen cidades e rexións ao seu cargo producen verdadeiro bochorno”.

O operador enerxético municipal, pendente dun convenio 

Na mesma liña, instamos ao goberno local a axilizar a creación dunha empresa municipal de enerxía, cumprindo os acordos asinados co noso grupo para facer posible investidura da alcaldesa e os Orzamentos 2022. Desde abril, está pendente a sinatura dun convenio coas Universidades da Coruña e Santiago para deseñar técnica e xuridicamente o novo ente.

“O Concello da Coruña xa debería contar co apoio de persoal investigador universitario neste proxecto pioneiro, unha empresa de enerxía 100% pública e con fontes 100% renovables, polo que instamos ao PSOE a cumprir o acordado e tramitar xa o convenio coa UdC e a USC”, sinala María García.

O goberno local da Coruña ten que aproveitar o decreto do Estado para axilizar medidas de aforro enerxético