Alberto Lema visitou os traballos na fortaleza altomedieval do Val do Dubra, realizados grazas a un contrato que impulsou o noso grupo na Deputación
O voceiro provincial da Marea Atlántica, Alberto Lema, visitou nas últimas semanas a escavación arqueolóxica no castelo de Portomeiro, no Concello de Val do Dubra, para coñecer o avance dos traballos nesta fortificación da Alta Idade Media, cun valor único en Galicia. Esta campaña de investigación, a terceira en Portomeiro, levouse a cabo entre o 12 e o 23 de xullo, grazas a un contrato entre a Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e a Asociación Cultura Larada, que puido renovarse grazas á iniciativa do noso grupo na institución provincial.
Lema, que coñeceu a escavación xunto ao vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e ao ex alcalde e concelleiro de Son Val do Dubra, Antonio Negreira Noya, salientou a importancia de “conservar o patrimonio histórico e arqueolóxico de Galicia, especialmente un caso coma o de Portomeiro, onde temos un castelo que estivo habitado entre os séculos VIII e X, e que se atopa edificado sobre un castro”.
Un castelo que naceu á par que Compostela
O castelo de Portomeiro medrou ao tempo que se construía e cobraba importancia política a cidade de Santiago de Compostela, unha etapa da Alta Idade Media decisiva para a evolución do noroeste peninsular. Pero non fora escavado até 2011. En 2020, a Asociación Cultural Larada de Val do Dubra mercou os terreos no que se atopa e impulsou dúas novas escavacións, unha primeira en 2021 e a actual.
A actual campaña arqueolóxica centrouse en ampliar as anteriores, deixando á vista parte da muralla e dous edificios situados intramuros, así como na exhumación completa doutra construción localizada ao sur da muralla. Nela traballou un grupo de estudantes do grao de Historia e Historia da Arte da USC, e puido realizarse grazas á colaboración da Marea Atlántica desde a Deputación provincial.