A empresa, que gañou tres millóns de euros en 2019 e recibirá 5,5 millóns en axudas do Estado pola pandemia, pretende aumentar un 18,3% o prezo do transporte público
A Marea Atlántica denuncia o intento de chantaxe da Compañía de Tranvías, a empresa privada que presta o servizo de transporte público na Coruña, ao reclamar unha suba unilateral do 18,3% no billete mentres ainda non se resolveu o recurso xudicial sobre as tarifas no Tribunal Supremo. “Agardamos que o goberno local non ceda a estas presións dunha compañía que xa ten un beneficio excesivo gracias ao sobrepago dun servizo público, e que leva sete anos sen renovar a frota. O que toca agora é mellorar as liñas de bus, non seguir alimentando a cobiza”, sinala a nosa voceira, María García.
Tranvías levou ao xulgado a baixada do prezo do bus aplicada no mandato de Xulio Ferreiro, a primeira en case catro décadas. E fíxoo a pesar que de en 2019 a empresa tivo uns beneficios de 3,32 millóns e unha marca histórica de viaxes, un millón máis ca o ano anterior. No en 2020, o ano da COVID, tivo perdas pero recibirá 5,44 millóns en axudas do Estado en compensación pola pandemia, e tras ingresalas quedaranlle 2,7 millóns a gañar As cifras son desmedidas, ata 20 veces superiores ao que gaña a empresa de transportes de Vigo, Vitrasa.
María García critica o intento de xustificar unha suba do billete desde os 1,20 euros fixados polo goberno da Marea Atlántica ata os 1,42. “un desmedido incremento do 18,3%, moito máis do que subiron os salarios, o IPC e calquera indicador obxectivo no que poidamos pensar. É un abuso”. Por iso instou a non ceder ás reclamacións de Tranvías, e non aceptar en ningún unha suba que só o obecede ao lucro privado en lugar de mellorar o servizo.
Reparten dividendos mentres conxela a renovación da frota
A empresa recoñeceu publicamente que leva desde 2014 sen gastar un euro renovar a frota de buses, desde moito antes da baixada do billete. En contraste, tanto en 2018 coma en 2019 repartiu 2,6 millóns de euros en forma de dividendos que foron aos petos dos seus accionistas. En resumo: a concesión do transporte público da Coruña, deseñada por Francisco Vázquez en 1986, é excesivamente beneficiosa para a empresa, que se lucra explotando un servizo público.