Saltar ao contido

O tren foi o gran ausente dos anuncios realizados pola ministra Raquel Sánchez na súa visita á cidade: nin cercanías, nin conexións con Ferrol e Lugo

Os anuncios sobre proxectos longamente esquecidos, coma a humanización da avenida de Alfonso Molina, chegan no mellor dos casos para coincidir coas eleccións de 2023

A Marea Atlántica saúda os avances anunciados pola ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, na súa visita á Coruña pero, para garantir que sexan positivos para a cidade e a área metropolitana, temos que reclamar que se centren nunha mobilidade sostible e propia do século XXI. Como indica a nosa voceira, María García, “estamos en plena emerxencia climática, e proxectos coma o de Alfonso Molina ou a ampliación da Ponte da Pasaxe deberían priorizar o transporte público e as alternativas ao coche privado”. 

Tamén debe corrixirse o enorme erro que supón non apostar polo tren, “ausente tanto nas promesas da ministra coma nos Orzamentos 2023. As conexións con Ferrol e Lugo e a rede ferroviaria de proximidade son as grandes esquecidas ano tras ano”, sinalou García. A voceira da Marea Atlántica amosou o seu “completo estupor por que as representantes do Estado recoñezan que non se falan coa Xunta de Galicia sobre a mobilidade en tren. Non sabemos que é peor: que dúas administracións non se comuniquen, ou que ADIF non exerza as súas competencias. Teremos unha estación intermodal, pero isto non mellora a oferta de transporte en tren”. 

Lembremos que segundo o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2023, a mellora da liña a Ferrol, propia do século XIX; recibe só 180.000 euros, e a variante de Betanzos, pouco máis de 28.000. En toda Galicia non hai tampouco nin un só novo núcleo de cercanías, que si están previstos en Palencia, Cartaxena ou Medina do Campo. 

Unha avenida, non unha autoestrada 

Neste sentido, as obras na avenida de Alfonso Molina farían ben en respectar as bases do proxecto deseñado polo goberno de Xulio Ferreiro e pactadas co Ministerio de Fomento en 2016, incluíndo carrís reservados para a circulación de bicicletas e autobuses urbanos e interurbanos, unha redución da velocidade e a humanización dos barrios pegados á avenida. A avenida da Vedra debe deixar de ser unha autoestrada que divide a cidade en dous e facilitar que deixemos o coche na casa. 

Criterios semellantes deberían aplicarse na ampliación prevista da Ponte da Pasaxe, sobre a que hoxe non se realizou ningún anuncio. Estas infraestruturas poden deseñarse para facilitar a entrada de máis coches na Coruña e agravar os problemas actuais ou, pola contra, para deixarlle espazo ao tránsito a pé, en bicicleta e en transporte público, con perspectiva sustentable e metropolitana. Como lembra María García, “de pouco serve decretar zonas de baixas emisións, se logo non ofrecemos alternativas á contaminación e os embotellamentos do vehículo privado”.

Neste sentido, reiteramos a nosa proposta de convocar un Pleno Extraordinario para que a Corporación poida trasladar ao Congreso unha proposta para mellorar os Orzamentos Xerais do Estado desde o máximo consenso. A licitación das obras para humanizar a avenida de Alfonso Molina e a redacción do proxecto da cuarta rolda, que levaban anos paradas, serán positivas se chegan a confirmarse. Con todo, non deixa de ser chamativo que as novidades relativas a proxectos que levaban anos conxelados cheguen xusto a tempo para coincidir coas eleccións xerais de maio de 2023. 

Para Alvedro, un Plan Director sen reflexo nos orzamentos

En canto ao novo Plan Director de Alvedro, trátase dunha actualización para adaptar ás servidumes á normativa vixente, pero resulta decepcionante polo baixo teito de crecemento que establece. Pero o máis grave é que as obras máis urxentes recollidas neste documento carecen de fondos dedicados nos Orzamentos 2023, o que fai temer que este Plan siga o mesmo camiño, o de non executarse.

Reclamámoslle ao Ministerio de Transportes que aposte na Coruña por unha mobilidade sostible e propia do século XXI