Saltar ao contido

Ningunha infraestrutura crítica quedará rematada antes de 2026, nin sequera a intermodal, e a nula aposta polo tren de proximidade evidencia a falta de proxectos novos e un horizonte estratéxico

María García: “A débeda do Estado coa Coruña queda igual que estaba. Case non hai avances nas grandes contas pendentes, só partidas simbólicas e fondos que se repiten ano tras ano”

A voceira da Marea Atlántica, María García, fai un chamamento ao goberno local e aos demais grupos da Corporación para convocar un Pleno Extraordinario no que debater sobre os investimentos previstos para A Coruña no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado. “Cremos que o trato á cidade e á área metropolitana ten que mellorar na tramitación parlamentaria destes presupostos, e desde o Concello deberiamos elevar unha voz o máis forte posible para reclamalo”, explica García. 

Nunha primeira análise do proxecto orzamentario, queda claro que non está previsto o remate de ningunha infraestrutura crítica antes de 2026, nin sequera a estación intermodal. A débeda histórica do Estado coa Coruña segue no seu sitio mentres van pasando gobernos estatais. En palabras da nosa portavoz: “Seguen a repetirse unha e outra vez os mesmos proxectos, sexa con dotacións simbólicas, sexa con fondos para traballos previos que un ano aparecen e ao seguinte se repiten ou se omiten”.

A lista das contas pendentes coa área metropolitana da Coruña queda case igual que estaba. Nin o Vial 18 nin a Cuarta Rolda nin a Ponte da Pasaxe reciben o impulso debido, só cantidades simbólicas sen continuidade nos vindeiros anos. No mellor dos casos, eses créditos permitirán abordar trámites previos, que á súa vez constitúen unha oportunidade para repensar esas infraestruturas. Un caso paradigmático é o da reforma da Ponte da Pasaxe: pode facerse para incrementar a entrada de vehículos motorizados privados na cidade e agravar os problemas actuais ou, polo contrario, para mellorar as súas capacidades para o tránsito peonil e ciclable e para convertelo nunha peza ao servizo dun novo sistema de transporte público metropolitano.

Tampouco o de Alfonso Molina é un compromiso forte, senón só unha dotación cosmética para non contradicir o prometido pola alcaldesa. Algo que só consegue polos pelos. O groso dos recursos, 11 dos 16 millóns previstos, non se agardan ata 2026. Para o vindeiro ano, os fondos (1 millón) nin sequera cobren o custo da pasarela de Pedralonga, a única obra formalmente iniciada de toda a intervención na Avenida da Vedra que, de feito, se está en marcha, foi grazas á iniciativa da Marea Atlántica por tela segregado do proxecto da humanización de Alfonso Molina.

Sen escusas para manter a especulación nos peiraos

“O que si atopamos neste proxecto orzamentario son menos escusas para non devolverlle á Coruña os seus peiraos. Á vista das cifras, os convenios de 2004 deberían racharse de inmediato e dar paso a un consorcio público que canalice o investimento das diferentes administracións nos terreos portuarios que queden liberados. É o momento de desvincular definitivamente a cidade da Coruña da carga da débeda pola construción do porto exterior en Arteixo, para poder da recuperar o bordo litoral para o uso público”, sinala María García. 

De feito, os investimentos relacionados coa Autoridade Portuaria son os máis importantes que recibe A Coruña. É de salientar a dotación de 36,9 millóns para a conexión ferroviaria de Punta Langosteira, pero o incremento é xeralizado en todas as áreas. Mesmo pasan de 189.000 euros a 2,3 millóns os destinados a actuacións porto-cidade. É unha boa nova para o saneamento da Autoridade Portuaria, que debe autofinanciarse sen caer na venda dos peiraos.

Nin rastro do tren de cercanías

Alén dos peiraos, o outro gran investimento anunciado é a estación intermodal, pero non vai resolver por si soa o déficit do transporte público entre A Coruña, a súa área metropolitana e a rexión urbana ártabra. Do tren de proximidade non hai rastro, malia contar xa con vías que se deixan esmorecer e ser unha vella demanda política e social. As dotacións son insultantes: a mellora da liña a Ferrol, ancorada no século XIX, recibe 180.000 euros, e a variante de Betanzos, pouco máis de 28.000. Non hai, nin para A Coruña nin para Galicia, ningún novo núcleo de cercanías, cousa que si se prevé, por exemplo, en Palencia, Cartaxena ou Medina do Campo. 

María García sinala que “subvencionar as viaxes en tren é unha boa medida, pero para que teña verdadeiro sentido ten que haber trens que subvencionar. Na Coruña e en Galicia abandónanse todas as conexións fóra do Eixo Atlántico, infraestruturas que se deterioran por falta de investimento e compromiso político. Promocionamos zonas de baixas emisións, pero logo non hai outra alternativa para desprazarse que o coche privado, ou nas liñas de buses cada día máis ateigadas e que acumulan protestas pola falta de prazas e horarios”. 

Non se aprezan neste proxecto orzamentario ideas novas nin ambición nas demandas que se trasladan dende María Pita. Se é certo, como di a a alcaldesa, que agora hai interlocución directa entre María Pita e a Moncloa, o problema debe estar na falta dun proxecto estratéxico para a cidade. Onde está a Zona Franca prometida por Inés Rey en campaña electoral? Que foi do ferri ás Illas Británicas? Cal é a área metropolitana do futuro que se pode albiscar nestas contas? Ningunha.

Por todos estes motivos, consideramos que o Concello da Coruña debería elevar unha proposta conxunta para mellorar estes orzamentos, e o mellor xeito de facelo é desde un acordo unánime nun Pleno Extraordinario.

Reclamamos un Pleno Extraordinario para debater sobre os Orzamentos do Estado e enviar desde A Coruña unha proposta para melloralos