O concelleiro de Urbanismo ocultou información nas preguntas de resposta escrita que realizamos no Pleno: esgotaremos todas as vías da obtela
Iago Martínez: “Parece que o goberno de Inés Rey ten máis interese en protexer o sector que en mitigar os seus efectos negativos na cidade”
O concelleiro de Urbanismo de Inés Rey négase a dar a coñecer o número de pisos turísticos e a súa situación administrativa na Coruña, vulnerando o dereito de acceso á información da oposición. A Marea Atlántica solicitou, a través de varias preguntas escritas no Pleno, datos sobre cantas vivendas de uso turístico contan con licenza e/ou autorización municipal e cantos figuran no padrón da taxa de recollida de residuos sólidos urbanos. E, como sinala o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, “a teor das respostas, parece que o goberno de Inés Rey ten máis interese en protexer o sector que en mitigar os seus efectos negativos na cidade; só así se entende que oculte datos elementais que temos dereito a coñecer”.
Na resposta, asinada pola alcaldesa, non só se omiten os datos requeridos, senón que se dá unha evasiva, argumentando que “son valores dinámicos”, que só se pode interpretar coma un xesto de nula ética democrática e falta de respecto polos dereitos e a función dos concelleiros e as concelleiras da oposición. Esta actitude non é nova no executivo de Inés Rey, e xa lle valeu unha condena neste mandato por vulneración de dereitos fundamentais. Nos próximos días solicitaremos de novo a información. Se a ocultación de datos permanece, esgotaremos todas as vías e recorreremos a outras instancias.
Regular as vivendas de uso turístico para evitar a súa proliferación sen control e os seus efectos negativos é un dos acordos que o goberno de Inés Rey asinou coa Marea Atlántica, no marco dun Plan polo Dereito á Vivenda e na aprobación dos Orzamentos 2022. Un acordo que foi respaldado polo anterior concelleiro de Urbanismo, pero que o actual titular desta área parece empeñado en dificultar.
A que agarda o goberno? A que o problema se dispare?
Lembremos que o impacto das vivendas de uso turístico está amplamente documentado, chegando a desertificar barrios enteiros. Na Coruña non estamos aínda neste nivel, pero a clave é actuar antes de que cheguemos a estalo. Xa se nota o seu impacto no prezo dos alugueiros, aumentaron un 17,5% no que vai de ano e xa superan a oferta de vivendas convencionais dispoñibles (700 fronte a 550).
Cidades como Santiago xa están a actuar para poñerlle freo a esta tendencia. Lamentablemente, na Coruña o equipo de Inés Rey parece máis interesado en contentar ao mercado dos pisos turísticos que en protexer o dereito á cidade, o dereito de acceso á información e cumprir a palabra dada.