As choivas destes días non foron suficientes para mellorar a situación do encoro de Cecebre, que se atopa ao 38% da súa capacidade, pouco máis da metade do habitual nun mes de outubro
Solicitamos que se convoque o Consello de Emalcsa para analizar a situación, e que A Coruña se coordine co resto dos concellos que se abastecen en Cecebre
A Marea Atlántica pregúntalle ao goberno local da Coruña que medidas adoptou e pensa adoptar para conter a situación de seca prolongada que estamos a vivir. A situación require actuar sen máis dilación, polo que instamos á alcaldesa á convocar ao Consello de Emalcsa e a coordinarse con todos os concellos que se abastecen no encoro de Cecebre.
O nivel das reservas de agua en Cecebre está no 38%, algo inédito para un mes de outubro, cando o normal é que se atopen por enriba do 65%. As choivas destes días non foron abondo para reverter a situación e a Xunta mantén a alerta por seca prolongada en toda a demarcación Galicia-Costa, da que forman parte os ríos Mero e o Mandeo.“Xa avisamos en febreiro, ante a primeira prealerta de seca, de que sería necesario un plan de actuación para este ano, e queda demostrado que era moi necesario”, lembra a nosa voceira municipal, María García.
A última vez que tivemos un outono con tan poucas chuvias foi en 2017, cando Cecebre chegou a estar ao 35% da súa capacidade no mes de novembro e os concellos da área metropolitana da Coruña puxéronse de acordo para apagar as das fontes ornamentais, limitar o baldeo de rúas e reducir o rego dos parques. Prepararon ademais restricións ao consumo empresarial e doméstico, aínda que finalmente non foi necesario aplicalas.
Efectos da crise climática
Este ano, tras un verán con temperaturas récord chegou tamén un outono anormalmente caloroso, no que o consumo de auga disparouse. Cecebre comezou agosto ao 80% da súa capacidade e perdeu máis da metade das reservas en dous meses e medio. Existe, desde logo, a posibilidade de bombear auga desde o lago das Encrobas, pero esa operación depende dunha estrutura custosa e de elevado consumo enerxético, e non exclúe a necesidade de aplicar medidas de aforro. A emerxencia climática ten un impacto xa moi real, e vainos obrigar a ser máis eficientes no uso da auga para evitar situacións de escaseza de auga no futuro.