Saltar ao contido

É a sexta vez que se modifica o reparto de competencias do executivo local, o que amosa a falta de confianza de Inés Rey nos membros do seu equipo

A crise de goberno, que continúa e afecta tamén a altos cargos de Medio Ambiente e Benestar Social, é un recoñecemento do fracaso da alcaldesa no seu primeiro ano

O PSOE incorpora plenamente á tránsfuga de Ciudadanos, subíndolle o soldo a 60.000 euros anuais e dándolle voz e voto na Xunta de Goberno Local


A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, sinalou hoxe que a reestruturación do goberno municipal, que continúa e afecta agora tamén a altos cargos de Medio Ambiente e Benestar Social, “é unha emenda á totalidade dos primeiros quince meses do mandato”. Argumenta a concelleira que “o goberno do PSOE tenta tapar a súa incapacidade e falta de iniciativa movendo as cadeiras de sitio e xirando á dereita, pero non vai funcionar, os problemas van seguir sendo os mesmos”. Na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá (e convocada abusando do procedemento de urxencia, como vén sendo habitual), o executivo consumou o seu sexto cambio na delegación de competencias en quince meses, sen contar vacacións e outras variacións de menor calado. 

Nesta ocasión, a fichaxe da concelleira tránsfuga Mónica Martínez desencadea unha serie de cambios nas áreas de goberno que “amosan a falta de confianza de Inés Rey no seu equipo, en especial nalgúns concelleiros e algunhas concelleiras coas que mantén enfrontamentos no ámbito do seu partido na cidade, concentrando gran cantidade de competencias en poucas mans, e deixando case sen tarefas a boa parte do grupo de goberno”, sinala María García. 

O PSOE incorpora plenamente ás súas filas á antiga representante de Ciudadanos, subíndolle o soldo a 60.000 euros anuais e dándolle voz e voto na Xunta de Goberno Local. No seu intento por resucitar a paralizada área de Deportes, rachan por completo o Pacto Antitransfuguismo de 2006, afástanse do bloque progresista maioritario no Pleno e consuman un evidente xiro á dereita. E ademais, mantéñenlle á tránsfuga todas as pregorrativas que tiña na oposición: representación en todas as comisións plenarias, local exclusivo para un grupo municipal que non existe, dotación de persoal de apoio non adscrito á concellaría que agora xestiona e mesmo presenza en órganos colexiados alleos ao mundo do deporte.

Áreas de goberno abandonadas

Pero, como sinala María García, “Deportes non é a única área paralizada. Cultura, Benestar Social, Medio Ambiente, Emprego e Turismo acumulan problemas desde o inicio do mandato, e saen igual ou peor do cambio de cromos”. Así, nun feito inédito, Cultura queda como un apéndice da Alcaldía, sen unha concellería propia e nin tan sequera ten unha comisión informativa na que render contas do traballo realizado. É unha falta de respecto ao sector cultural. 

Medio Ambiente e Benestar social, que acumulan contratos pendentes de licitar, trámites sen resolver e constantes problemas de xestión reciben un cambio de nomes nas súas Direccións de Área. Un simple intento de disimular o que non funciona, que non resolverá nada. 

A concelleira de Emprego, Eva Martínez Acón, segue desaparecida e non se lle coñece unha soa medida en quince meses. E a antiga concelleira de Festas, Diana Cabanas, queda con competencias difusas. A área de Festas, como tal, desaparece e nestes momentos é un misterio quen terá a responsabilidade de organizalas e, máis importante a curto prazo, quen disporá dos fondos que se deixaron sen gastar por mor da pandemia. 

En resumo, pese aos constantes movementos, seguimos a ter un goberno feble e disfuncional, que non se achega aos barrios, foxe da transparencia e non cumpre os acordos. Nestes momentos, tres de cada catro puntos do pacto de investidura asinado hai un ano continúan sen cumprirse. 

María García: “A restruturación do goberno local é unha emenda á totalidade dos primeiros quince meses de mandato”