María García: “A mafia do fútbol pensou que podía poñer en risco a saúde pública, e o goberno do Estado amosou covardía ao non implicarse”

Lamentablemente, a alcaldesa puxo en risco o consenso por puro afán de protagonismo

PP, PSOE e a concelleira tránsfuga de Ciudadanos suman votos para rexeitar a nosa moción pedindo un referendo sobre a monarquía e a fin da impunidade do rei fuxido


O grupo municipal da Marea Atlántica apoiou hoxe a declaración institucional unánime do Pleno do Concello da Coruña sobre o Caso Fuenlabrada, que sinala ao presidente de La Liga, Javier Tebas, como persoa non grata na nosa cidade, tal como pedía a Marea Atlántica, e reclama ademais a dimisión da presidenta do Consello Superior de Deportes, Irene Lozano. Tamén apoia as reivindicacións do Real Club Deportivo e todas as medidas que o club adopte. 

Como sinalou a nosa voceira, María García, na quenda de intervencións, “O caso Fuenlabrada é unha vergoña en democracia, porque a mafia do fútbol creu que podería poñer en risco a saúde de toda unha cidade, adulterar a competición e saír impune. Pola covardía amosada polo CSD e o Goberno do Estado, branqueando a irresponsabilidade de Javier Tebas, e polo abuso que autoridade que foi a detención de Álex Bergantiños. Condenalo é de xustiza”.

María García salientou que “hoxe antepoñemos o apoio unánime aos intereses da cidade da Coruña ante unha situación intolerable. Ao longo deste infame percorrido polas miserias dos poderosos, o deportivismo deu unha auténtica lección de dignidade e elegancia. Xogue onde xogue o Depor, será un orgullo”. 

Javier Tebas, persoa non grata na Coruña

Por afán de protagonismo, a alcaldesa ameazou o consenso

Porén, hai que lamentar que esta declaración unánime non chegase antes. Porque, como sinalou María García, “o consenso sobre o caso Fuenlabrada nunca estivo en cuestión, só o afán de protagonismo da alcaldesa e o tamaño da foto. Por iso, Inés Rey chegou a crear unha tensión artificial onde había acordo”. 

Houbo ata tres ocasións, a primeira no Pleno Extraordinario do 30 de xullo, onde nós xa propuxeramos declarar a Javier Tebas como persoa non grata. Inés Rey rexeitou a proposta sen motivo, polo que a convertemos nunha moción, rexistrada o 6 de agosto, para ser debatida no Pleno de hoxe, ao igual que outra do Partido Popular. En lugar de apoialas, agora si, Inés Rey quixo unha declaración institucional para ser protagonista. 

PP e PSOE apoian ao rei fuxido

Na quenda de mocións, a Marea Atlántica defendeu unha iniciativa condenando a fuxida de Juan Carlos de Borbón tras verse implicado en gravísimos escándalos de corrupción e branqueo de cartos, e a convocatoria dun referendo para decidir sobre o modelo de Estado. A proposta, que inclúe demandas da plataforma Galiza pola República, foi rexeitada cos votos do PP, o PSOE e a concelleira tránsfuga de Ciudadanos. 

Como afirmou María García, “os partidos do réxime do 78 e o poder mediático levan moito tempo protexendo á Xefatura de Estado e ocultando prácticas corruptas. É unha anomalía democrática e un anacronismo feudal sobre o que a cidadanía nunca tivo dereito a decidir. Deixen de tratarnos como menores de idade e convoquen un referendo”.

Volta ao cole segura

Doutra banda, a nosa moción para reclamar unha volta ao cole segura e unha maior implicación da Xunta e o Concello fronte á pandemia resultou aprobada coa única abstención do PP. Foi defendida pola concelleira Silvia Cameán, que denunciou que “a Xunta non fixo nada en todo o verán, agás poñerse en contra a toda a comunidade educativa. Agora, cun novo conselleiro propón outro protocolo, con clases semipresenciais. Chapuzas e improvisación, pero cunha constante, sempre a custe cero”.

E custe cero tamén no Concello da Coruña, onde o goberno municipal non tomou unha soa medida cara o novo curso. “Non se reuniu coa Xunta ata o luns, non aumentou o contrato de limpeza nin o de mantemento, nin fixo nada para peonalizar o acceso aos centros. As bolsas comedor seguen pendentes e van tardar meses. A Coruña merece outra cousa”, concluíu Cameán. 

A Corporación debateu tamén dúas mocións, do BNG e o PP, criticando a intención do goberno do Estado de incautar o aforro dos concellos, unha medida afortunadamente derrotada hoxe no Congreso dos Deputados. Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica, sinalou que “o investimento municipal vai ser máis necesario ca nunca durante unha crise á que só lle estamos a ver o prólogo”. E engadiu que a proposta da ministra Montero era “inxusta, ineficaz e antidemocrática, que empeora os erros da Lei Montoro”, como xa sinalaron en agosto 12 organizacións do municipalismo galego.

Rapaza pintando na escola

Axudas á rehabilitación

O Pleno aprobou hoxe de xeito definitivo a nova ordenanza de rehabilitación de vivendas e edificios, redactada e aprobada inicialmente polo goberno de Xulio Ferreiro. Ten cambios fundamentais, como o aumento da contía das axudas e a introdución de criterios de renda, para que cheguen a quen realmente as precisa. 

O concelleiro Xiao Varela reclamou a publicación inmediata da nova convocatoria de axudas, que acumula un enorme atraso, e lembrou que “nunha cidade con 20.000 vivendas baleiras e unha poboación estable, o modelo urbanístico ten que pasar pola rehabilitación, non por pelotazos como o de Percebeiras”. Así se fixo no mandato anterior, que concedeu máis axudas para renovar vivendas que ningún dos anteriores. Así, e segundo os datos do Observatorio Urbano municipal, o bipartito PSOE-BNG concedeu 3.620 subvencións, o do PP, 3.898, e o da Marea Atlántica un total de 5.691, un 30% máis que calquera dos anteriores.