Iago Martínez: “Tras incorporar a unha tránsfuga ao seu goberno, a alcaldesa asumiu a área de Cultura, pero non está presente en ningunha comisión informativa que nos permita fiscalizar o seu labor”
A Marea Atlántica reclama a comparecencia de Inés Rey na Comisión de Educación e Cultura, prevista para mañá, mércores 9 de setembro, coa fin de que renda contas das súas novas competencias. “Tras incorporar a unha tránsfuga ao seu goberno, a alcaldesa asumiu as competencias en Cultura, pero non está presente en ningunha comisión informativa que nos permita fiscalizar o seu labor”, asegura o concelleiro Iago Martínez.
Martínez argumenta que “as comisións informativas, órganos fundamentais para que a oposición poida facer o seu traballo de control, non se adaptaron ao novo reparto de áreas no goberno municipal, unha anomalía que esiximos que se corrixa canto antes”. É Jesús Celemín o único integrante do goberno ten asento na Comisión de Educación e Cultura, o que fai que a segunda destas áreas quede agora sen representación.
“A xestión das políticas culturais do Concello foi desastrosa nos quince meses do goberno de Inés Rey, con cero iniciativa e cero interlocución co tecido. A solución parece agora privar a un dos sectores máis golpeados pola crise dunha concellaría propia e con dedicación exclusiva e facer a súa xestión aínda menos transparente”, engade Iago Martínez.
Actualización das comisións informativas
De igual modo, desde o grupo municipal da Marea Atlántica reclamamos que todas as comisións informativas se adapten urxentemente á nova estrutura do executivo local e que se inicien as xestións para a disolución do Grupo Mixto. Por unha banda, a concelleira tránsfuga, integrada agora no goberno como responsable da área de Deportes, segue a ter asento en todas as comisións coma se aínda fose edil de Ciudadanos. Pola outra, o reparto de responsabilidades no executivo é contraditorio coa configuración destes órganos, o que priva aos grupos da oposición dunha ferramenta esencial de control ao goberno.