Saltar ao contido

O Concello ten polo menos 700.000 euros dispoñibles en programas educativos que non se executaron pola pandemia, pero non pensa investilos en facer máis seguro o curso

Convocaremos de urxencia a Comisión de Benestar Social para obter os datos da convocatoria de bolsas comedor, logo de que o concelleiro non os facilitase esta mañá


O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia que o goberno local aínda está “a estudar medidas” fronte á pandemia un día antes do inicio do curso escolar. Na Comisión Informativa de Educación e Cultura, celebrada hoxe, quedou claro que “o goberno chega ao comezo das clases sen nada previsto e nin sequera se reuniu coa Xunta ata este luns. Pero unha cousa teñen en común Inés Rey e Feijóo, pretenden que a volta ás aulas sexa a custo cero para a administración”, segundo explica a edil Silvia Cameán.

Como xa sinalamos, o Concello dispón, como mínimo, de 700.000 euros debido aos programas educativos que non se executaron por mor da pandemia, como Bolsas USA ou Idiomas do Mundo. Pero semella que non pensa investilos en facer máis seguro o novo curso.

A pesar das propostas que lle trasladamos repetidamente, Silvia Cameán sinala que “non se ampliou o contrato de limpeza para atender ás novas medidas sanitarias, nin hai previsión de facelo. Tampouco se mellorou o contrato de mantemento e obras nos centros escolares, só ‘está en estudo’. Nin hai plans de facer peonís as rúas de entrada e saída dos centros escolares”.

Sen datos das bolsas comedor

O concelleiro de Educación, Jesús Celemín, non ofreceu datos da situación das bolsas comedor por non depender da súa área. As listas provisionais non se publicaron ata o 2 de setembro, e non hai prazo para as definitivas, mantendo ás familias na incerteza. “Debido á falta de transparencia, convocaremos de urxencia a Comisión de Benestar Social para contar cos datos actualizados da convocatoria. Cada día de atraso é un problema para quen precisa axuda para garantir unha axeitada alimentación das súas fillas e fillos”, declarou Cameán.

Tampouco se realizou un listado dos espazos municipais dispoñibles para cederlle aos colexios en caso de ser necesario para garantir a distancia social, nin hai previsión de ofrecer medidas de conciliación as familias que teñan que quedar na casa ante un posible contaxio.

Outra carencia, e moi grave, é a necesidade de axilizar os pagos que as Escolas Infantís Municipais polos gastos que asumiron para adaptarse ás novas esixencias sanitarias. Pese ás súas reiteradas promesas, o concelleiro de Educación segue sen facelo. Ante esta situación, propuxemos que a comisión volva reunirse cada 15 días para facer seguimento do inicio do curso, unha proposta que foi aceptada.

Sen contidos de Cultura

A parte correspondente á area de Cultura tivo graves carencias. A alcaldesa, quen agora ostenta estas competencias, non compareceu, o que baleira de contido esta comisión e impide á oposición fiscalizar a acción de goberno, coñecer os plans desta área nun momento tan delicado para o sector ou mesmo saber como se vai organizar en diante. Deixar a Cultura sen unha concellería dedicada en exclusiva e actuar sen transparencia nin diálogo é un erro grave e unha falta de respecto ao sector, un dos máis golpeados pola crise que estamos a vivir.

O curso comeza mañá, e o goberno municipal segue a “estudar medidas”