Saltar ao contido

María García: “Facemos un chamamento a conservar o marco de colaboración progresista en María Pita. A perspectiva da xustiza social é hoxe máis necesaria ca nunca” 

Sumámonos á busca do máximo consenso para as medidas que se poñan en marcha, non só entre partidos políticos, senón tamén entre axentes sociais, sindicatos e colectivos afectados

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, ofreceu hoxe en rolda de prensa a total colaboración do noso grupo para mudar o Orzamento 2020 do Concello da Coruña para adaptalo á situación de crise sanitaria, social e económica causada pola pandemia do COVID19, tendo claras as prioridades: “rescate social das persoas en risco de exclusión, apoio aos sectores máis afectados, e recuperación económica desde unha perspectiva transformadora”.

Deste xeito, levaremos á Comisión de Facenda que se celebrará mañá unha batería de medidas con tres prioridades claras: o rescate social, o apoio aos sectores económicos que peor o están a pasar coa crise, e a reactivación económica desde unha perspectiva transformadora. “O primeiro é salvar vidas —asegurou García— pero a seguinte prioridade inmediata é axudar ás persoas que están en risco de exclusión, ás que xa saíron empobrecidas e precarizadas do golpe austericida da Gran Recesión de 2008”.

Rescate social para non deixar a ninguén atrás

A portavoz da Marea Atlántica explicou que as medidas que lle trasladaremos ao goberno municipal organízanse en tres eixos. Primeiro, o Rescate Social, poñendo ás persoas no centro. Segundo, medidas paliativas para protexer o emprego e os sectores económicos máis afectados. Terceiro, pensar xa no día despois do confinamento, e a reactivación económica desde unha perspectiva transformadora.

O primeiro bloque inclúe propostas como reforzar a Renda Social Municipal e flexibilizar os requisitos para acceder a ela, tal e como se fixo hoxe coas rendas autonómicas, coa vulnerabilidade social como único criterio de concesión. Outras prestacións como as axudas de emerxencia, o talón restaurante ou as bolsas comedor tamén deberían potenciarse con máis fondos e máis persoal para tramitalas, evitando atascos burocráticos.

Meción especial merecen as medidas de vivenda, que xa adiantamos, e que merecen “ser unha prioridade de todas as administracións, tamén dos concellos”, en palabras de María García, que reclamou, entre outras cousas, a posta en marcha da bolsa de alugueiro social pactada xa co PSOE ao inicio do mandato.“As moratorias e o aprazamento dos pagos non son unha boa solución, xa que só aumentan a débeda de fogares que xa teñen moitos problemas económicos”, engadiu.

Emprego e recuperación transformadora

O segundo bloque de medidas tradúcese en apoio aos sectores máis afectados pola crise. Propoñemos un Plan de Emprego para axudar a contratación de persoas desempregadas en pemes e reinsertalas na vida laboral.

Tamén suxeriremos unha liña de axudas ao pago das cotas do réxime de autónomos (que xa existen no orzamento municipal dende o pasado mandato) e apoio ao alugueiro de locais. Sectores como a hostalería, os mercados, o pequeno comercio e a cultura merecen plans de actuación propios e unha interlocución constante.

Porén, e mesmo nesta situación de emerxencia, faise necesario pensar no futuro e ir planeando o día despois da fase aguda da pandemia, “poñendo de manifesto que identificamos as graves deficiencias do sistema que evidenciou a crise do Covid-19 e que reflexionamos para reconstruír o sistema económico cuns criterios mellores e máis xustos”. Neste sentido, apostamos por potenciar os servizos públicos en sectores esenciais, recuperando o que se privatizou en anos anteriores. A calidade e o interese xeral teñen que ser a guía.

“Cómpre, ademais, axudar a sectores estratéxicos como a alimentación, a ciencia, a tecnoloxía e a eficiencia enerxética, para reforzalos de cara ao futuro”, sinalou María García.

Consenso si, valentía política tamén

Estamos de acordo na necesidade de escoitar e sumar todas as voces posibles para que o Plan de Choque Social que o Concello poña en marcha teña o máximo consenso e apoio, e convidamos ao equipo de Inés Rey a escoitar non só aos grupos da oposición, senón aos axentes sociais, sindicatos e colectivos afectados.

Pero, como engadiu María García: “O consenso non pode ser a escusa para a falta de valentía nas medidas de urxencia, nin para rachar o marco de colaboración progresista que construímos desde á investidura, e que se traduciu na aprobación dos Orzamentos 2020 e, hai unha semana, na aprobación da gratuidade das Escolas Infantís Municipais. A perspectiva da Xustiza Social é máis necesaria hoxe ca nunca”.

Neste sentido, pedímoslle ao goberno municipal unha maior iniciativa política, alén da necesaria xestión das urxencias do día a día. É o momento de empregar todos os recursos e todas as competencias municipais para reducir o impacto desta crise en amplas maiorías sociais.

As prioridades no Concello: rescate social, emprego, e recuperación transformadora