“O Concello aplicou só unha moratoria, que é unha solución temporal que mañá se transforma nunha débeda. O Estado permite ir máis alá”, asegura María García, quen propuxo varias medidas polo dereito á vivenda
Instamos ao goberno municipal a esgotar todas as vías legais para evitar que o todo o aforro do Concello en 2019 vaia a pagar só ás chapuzas urbanísticas do vazquismo
A voceira da Marea Atlántica, María García, participou hoxe na Xunta de Portavoces do Concello e trasladoulle ao goberno municipal as nosas propostas para garantir o dereito á vivenda, no marco do necesario Plan de Choque Social fronte a crise do COVID-19: “Esta fin de semana anunciouse unha moratoria de alugueiro para as persoas vulnerables acollidas en vivendas de propiedade municipal. Non é suficiente, unha moratoria é unha solución temporal que mañá se transforma nunha débeda. Por iso instamos a alcaldesa a que condone totalmente a débeda destas persoas, que sexa valente e esgote todas as posibilidades abertas polo goberno do Estado para axudar a quen o precisa. E, como mínimo, que informe ás inquilinas e aos inquilinos desas vivendas dos dereitos que lles confiren os reais decretos do Executivo central”, explicou García.
Na Xunta de Portavoces, María García tamén lamentou que esta moratoria se dese a coñecer pola prensa e sen consulta previa cos grupos municipais, “o que nos impediu trasladar a nosa postura e contribuír a mellorar a iniciativa”. Ao fin e ao cabo, a quita nos alugueiros é unha das capacidades que se lles outorga ás administracións locais no Real Decreto Lei 11/2020, de 31 de marzo, polo que o Goberno do Estado pon en marcha diversas medidas para afrontar a situación de pandemia, polo que non se entende que o Concello quede un paso por detrás.
Liquidación da herdanza vazquista
Doutra banda, na Xunta de Portavoces, o goberno municipal trasladou de palabra os datos da liquidación do ano 2019, pero sen chegar a presentar documentación detallada aos grupos. Sabemos, así, que o Concello ten un ano máis as contas saneadas e presenta un remanente de 14,5 millóns de euros, que o executivo de Inés Rey ten intención de destinar case integramente ao pago de sentenzas urbanísticas contrarias ao Concello, entre elas as das expropiacións do castro de Elviña. Sentenzas, por certo, que son unha herdanza das desfeitas realizadas por anteriores gobernos do PSOE, unha débeda que ten que pagar toda a cidade.
Nestes momentos de emerxencia sanitaria, social e económica é importante dispoñer do máximo de recursos para reforzar as políticas sociais e de emprego, polo que instamos ao goberno municipal a esgotar todas as vías alternativas, tanto a través da negociación cos acredores como nos tribunais, para acadar condicións vantaxosas de pagamento que eviten baleirar agora o remanente do Concello para tapar desfeitas pasadas de Francisco Vázquez e os seus herdeiros.
Impulso ás medidas pendentes e ao modificativo orzamentario
Doutra banda, a nosa voceira solicitou o cumprimento das medidas en materia de vivenda incluídas no pacto que a Marea Atlántica e o PSOE asinaron para o inicio do mandato. Especialmente, a convocatoria urxente dunha bolsa de alugueiro social para persoas vulnerables, a través de EMVSA, adaptándoa as novas posibilidades que abre o Real Decreto Lei de medidas sociais.
O Plan Estatal de Vivenda acaba de ser adaptado á situación de emerxencia, permitindo que os municipios merquen vivenda xa construída para dedicala ao alugueiro social. Poderían optar incluso a subvencións do Goberno central. É a Xunta de Galicia quen debe sumarse a este novo programa pero o Concello da Coruña debe demandarlle que o faga canto antes. Ademais, a medio prazo, debe activarse a construción de vivenda social no Ofimático, Pontejos e Panaderas, incluída tamén nos nosos acordos do PSOE.
Estes pactos inclúen, tamén, importantes medidas sociais en varios ámbitos, desenvolvidas e consensuadas. E nestes momentos nos que toda a axuda é precisa sería urxente sacalas adiante. Iso pasa por retomar, con todas as precaucións necesarias, a actividade na Corporación e por tomar decisións con respecto ao Orzamento municipal: volvemos sinalar a nosa dispoñibilidade para aprobar un modificativo que reforce os servizos sociais e o persoal necesario para acelerar os trámites e as axudas. Desta volta a receita non pode ser máis austeridade, como na Gran Recesión de 2008. Desta vez, as persoas primeiro.
María García insistiu, unha vez máis, na necesidade de poñer en marcha unha oficina telemática para asesorar á cidadanía en todo o relacionado co dereito á vivenda, dar a coñecer as axudas dispoñibles e os procedementos para solicitalas, tanto para afrontar alugueiros e hipotecas como subministros básicos.
Ademais, o goberno municipal debería tomar a iniciativa e negociar cos grandes propietarios, primeiro para que mobilicen as vivendas que manteñen baleiras e as poñan a disposición das persoas en risco de exclusión social. O mesmo pode facerse no caso das vivendas turísticas, cuxa demanda está a caer en picado. E, en segundo lugar, para que fagan o que xa debería estar a facer o Concello e apliquen unha condonación do alugueiro en situacións de vulnerabilidade.
Máxima precaución na volta ao traballo
Desde a Marea Atlántica queremos sinalar que a volta ao traballo en varios sectores non está exenta de riscos. Hai voces expertas que advirten de que pode complicar o control da pandemia, mentres que noutros países, como Italia, estase a prolongar o confinamento, non a relaxalo.
Agardamos que o Goberno do Estado acerte e confíe en criterios sanitarios, sen deixarse levar polas presións da patronal. As persoas, e non os beneficios, teñen que ser o primeiro. Por iso pedimos transparencia e claridade na información, e garantías de que o regreso á actividade sexa igual de seguro para todo o mundo. Non pode ser que algúns colectivos, cidades ou zonas xeográficas estean máis protexidas ca outras.
Ademais de facilitar gratuitamente mascarillas (ou outro equipo de protección), o Goberno debería regular os prezos para que sexan accesibles. Ten competencias para rematar coa especulación que estamos a padecer, que encarece os materiais ata estremos intolerables, moi lonxe da capacidade adquisitiva das persoas máis vulnerables. En resumo, seguridade, transparencia e medidas para non deixar a ninguén atrás.