“Se o PSOE quere cumprir o seu programa electoral, que o faga sen atallos, non pode empregar un convenio para duplicar un contrato público”, asegurou Alberto Lema
Nun momento de emerxencia social e económica hai outras áreas para investir máis de 600.000 euros, paliando situacións vitais dramáticas
O voceiro provincial da Marea Atlántica, Alberto Lema, vota hoxe en contra da proposta de convenio interadministrativo con Tragsa para o reforzo da limpeza viaria na cidade da Coruña, trasladado hoxe á Comisión de Contratación, Patrimonio e Equipamento da Deputación Provincial, polo importe de 623.317 euros financiados polas arcas municipais. Como sinala Lema: “Trátase dunha irregularidade administrativa, que pretende empregar un convenio directo para o que debera resolverse cun contrato outorgado por concurso público”. Tamén solicitaremos acceso ao expediente desta actuación a través do rexistro municipal.
Solápase, ademais, co contrato de limpeza viaria do Concello da Coruña, renovado en febreiro e dotado con 14 millóns de euros ao ano, creando unha duplicidade contraria a toda lóxica administrativa. Este novo contrato xa inclúe un reforzo do servizo de limpeza viaria, polo que non se entende a necesidade de duplicalo a través dun convenio con Tragsa.
Por estes motivos, Lema anunciou o voto contrario da Marea Atlántica e convidou ao goberno municipal a respectar a legalidade e non empregar a Deputación para tomar atallos. “Se o PSOE quere cumprir co seu programa electoral, que o faga dentro da normativa, que non busque atallos”, engadiu.
Informes contrarios da secretaría e a intervención
Os informes da intervención e a secretaría son moi contundentes, e sinalan que este procedemento administrativo non se corresponde coa Lei de Contratación Pública. Entre outras cousas, lembran que Tragsa é unha empresa pública limitada ás intervencións no medio rural e actuacións medioambientais, non en entorno urbano. E critican a falta de acreditación da urxencia coa que se pretende xustificar este atallo administrativo.
Finalmente, e en palabras de Alberto Lema, “nestes momentos de emerxencia social e económica, eses máis de 600.000 euros poderían empregarse mellor en medidas sociais ou, por dar un exemplo, en abrir unha liña de axudas para autónomos como xa fixeron outros concellos da comarca. Temos que actuar para paliar situacións vitais dramáticas”.