Saltar ao contido

María García: “Non se pode agardar máis, é necesario redistribuír o gasto superfluo e dedicalo a políticas para rescatar ás persoas”

A Marea Atlántica solicita a convocatoria inmediata da Comisión de Facenda para iniciar os trámites dun modificativo de crédito que reforce os servizos sociais, o emprego e a promoción económica

O grupo da Marea Atlántica insta ao goberno municipal a convocar canto antes a Comisión de Facenda, para dar comezo á tramitación dun modificativo de crédito que permita adaptar o Orzamento do Concello á situación de crise sanitaria, social e económica causada pola pandemia do COVID19. Como afirma a nosa voceira, María García, “non se pode agardar máis, é necesario redistribuír o gasto superfluo e dedicalo a políticas para rescatar ás persoas, cos servizos sociais, o emprego e a promoción económica como liñas principais”.

É o momento de que o Concello empregue todas as súas competencias e as vías abertas polo goberno do Estado para actuar nesta situación de crise. “Hai moita xente que da noite á mañá está a deixar de percibir ingresos, que está en risco de perder as mínimas condicións para unha vida digna, e as administracións deben actuar, tamén os municipios, as máis próximas”, explica García. Do mesmo xeito, cómpre apoiar ás entidades sociais que están a chegar onde as institucións públicas non chegan, e cuxo desborde é evidente.

Entre outras propostas, suxerimos ampliar fondos e facilitar as condicións da Renda Social Municipal e outras prestacións de emerxencia, actuar para garantir o dereito á vivenda e, desde logo, protexer o benestar e a saúde dos colectivos vulnerables como vítimas de violencia machista e as persoas maiores e dependentes que viven soas, entre outros casos. Precisamos un Plan de Choque Social ambicioso e progresista, se de verdade queremos non deixar a ninguén atrás.

Tamén é necesario romper as cadeas da austeridade e aumentar o persoal municipal dedicado a avaliar e tramitar axudas, pagos e licitacións que dinamicen a economía municipal. Tras anos de límites con taxas de reposición regresivas, os concellos carecen de recursos humanos suficientes, e  non se pode permitir que un atasco burocrático impida que os recursos públicos cheguen a quen os precisa. A situación xa é grave, e seguirá a selo nos vindeiros meses, polo que todas as institucións públicas deben colaborar para reducir o impacto desta crise. Non nos podemos permitir o luxo de agardar nin de discutir quen ten as competencias.

Na Xunta, máis medidas sociais e menos campaña 

Na mesma liña, reclamámoslle ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que se baixe da campaña electoral permanente na que está instalado e comece a habilitar as liñas de axuda que xa están a funcionar noutras comunidades.

Son especialmente urxentes as axudas ao alugueiro (xa funcionan en Asturias) e o apoio ás traballadoras e aos traballadores autónomos que están a ver reducidos os seus ingresos durante o confinamento (como están a facer Valencia, Canarias, Madrid, Euskadi ou Cataluña…). O Real Decreto Lei 11/2020, de 31 de marzo permite facer moito máis do que está a facer unha Xunta, máis centrada na crítica política destrutiva que en protexer á cidadanía.

É urxente adaptar do Orzamento municipal ante a crise do COVID19