Saltar ao contido

Preguntaremos no vindeiro que medidas ten pensado adoptar dende o eido municipal para facerlle fronte á crise inflacionista

Para Marea Atlántica, resulta incomprensible que o Concello dispoña de fondos asignados nos Orzamentos 2022 para políticas de dereito á vivenda, enerxía ou saúde mental, pero que o goberno local non os execute


A Marea Atlántica preguntará no vindeiro Pleno de setembro polas medidas que ten pensado adoptar o goberno local, dende o eido municipal, para facerlle fronte á crise inflacionista. Resulta difícil defender que non se executen os fondos destinados nos Orzamentos 2022 para cuestións tan acuciantes coma o dereito á vivenda, a enerxía ou a saúde mental.

Cómpre lembrar que o incremento da inflación está en niveis non vistos dende 1984, e que o de Galicia é o maior do Estado, situándose nun 11,5%. A suba do prezo de bens básicos coma a alimentación, a enerxía ou a vestimenta súmase ao incremento do prezo da vivenda e dos alugueres, situación que se agrava tamén na Coruña pola proliferación dos pisos turísticos. Tendo en conta este contexto, a voceira da Marea Atlántica, María García, sinala: “Queremos saber que está a facer o goberno ante esta suba de prezos e o encarecemento da vida para o conxunto da poboación, e se ten algún plan de cara ao inverno que se aveciña. Dende a Marea Atlántica non podemos asumir que logo de aprobar co noso apoio unhas contas municipais expansivas e con capacidade para axudar á veciñanza ante cuestións tan básicas como a vivenda ou a enerxía, dende o Concello non executen estas partidas para aliviar os problemas de moitas persoas”.

Acordos polo dereito á vivenda, paralizados

Como xa comentamos, agás tímidos avances nas vivendas municipais de Marqués de Pontejos e Xuxán ou o reforzamento da bolsa de aluguer de EMVSA, ambas iniciativas herdadas do anterior mandato, pouco máis se sabe das políticas e investimentos en materia de vivenda para os que pactamos máis de 9 millóns de euros. Nin se abordou a regulación das vivendas turísticas, nin está en marcha a redacción do Plan Municipal polo Dereito á Vivenda, nin se iniciou o concurso para reforzar o parque municipal coa adquisición de pisos, edificios e soares.

Sen executar tamén medidas de política social

No Pleno Extraordinario de abril, demos luz verde a uns orzamentos de case 310 millóns para contar cun Concello forte para atender as necesidades da cidadanía, despois de dous anos de pandemia. “Os votos da Marea Atlántica serviron para materializar un orzamento expansivo, verde, xusto e coa ollada posta nos barrios e nas persoas. Pola nosa iniciativa, incluíronse medidas referidas á política social municipal e aos coidados que aínda están sen materializar, pese a contar con fondos. Entre outros, acordamos incrementar a Renda Social Municipal, crear un Plan Municipal de Saúde Mental, recuperar a unidade de atención infantoxuvenil, aumentar as horas no Servizo de Atención a Domicilio e mesmo desenvolver programas específicos para combater a fenda dixital. Son todas medidas das que, encarando o último trimestre do ano, aínda non se sabe nada”, sentenza García.

Axilizar medidas de aforro enerxético

Por outra banda, tampouco se coñecen progresos no que respecta á empresa eléctrica municipal. Xa a comezos de agosto, dende a Marea Altántica se instaba ao goberno locala aproveitar as medidas de aforro enerxético anunciadas polo Estado para poñer en marcha as políticas previstas neste ámbito, dentro do pacto co noso grupo na aprobación dos Orzamentos 2022. Así, tamén é preciso finalizar o Mapa das Enerxías Renovables para coñecer a capacidade da cidade de producir enerxía renovable, e comezar canto antes coa instalación de enerxía minieólica e solar nos edificios municipais.

No contexto de incertidume actual, as persoas precisan solucións. Marea Atlántica levará estas cuestións ao vindeiro Pleno de setembro para coñecer os motivos da falta de acción do goberno local, ante unha situación complexa que require do máximo esforzo por parte de todas e de todos.

Cales son os plans do goberno local diante da preocupante suba da inflación?