Ata o momento, a alcaldesa foi incapaz de incorporar ao parque municipal de vivendas un só inmoble do chamado “banco malo”
O pasado 11 de agosto pedimos acceso á documentación relativa a esas negociacións. Non temos resposta malia ter expirado o prazo legal
A Marea Atlántica lamenta que o goberno local non teña acadado ningún resultado en materia de vivenda a través das negociacións coa Sareb, e amosa a súa decepción pola absoluta falta de transparencia no que se refire ás xestións iniciadas co “banco malo”.
Xusto hai 10 anos da creación da Sareb. Dende a Marea Atlántica lembramos que chega ata hoxe tendo ao Estado como socio maioritario, e computando as súas perdas como débeda pública. Como declara o noso vicevoceiro, Iago Martínez: “Décimo aniversario da creación da Sareb, dez anos permitíndolle comportarse como unha inmobiliaria privada tamén aquí, na Coruña. Lamentamos enormemente que o goberno de Inés Rey non fose quen de conseguir a cesión ao Concello dun só inmoble da súa titularidade, para incorporalo ao parque público de vivendas. Ademais, o proceso de negociación está sendo opaco, cunha reprobable falta de transparencia dende o executivo local”.
Sen resposta dende o Concello
O pasado 11 de agosto, dende a Marea Atlántica realizouse unha petición formal de información, solicitando datos sobre as negociacións do goberno local coa Sareb. Malia ter expirado o prazo legal, no hai resposta de ningún tipo.
Como xa denunciamos, cando subastou un edificio no Orzán no canto de darlle usos sociais ás súas vivendas o cando vendeu 55 pisos en Palavea, a actitude da Sareb evidencia, unha vez máis, como hai organismos do Estado que se comportan con lóxicas neoliberais, pensando só en facer cartos. É evidente no caso de Puertos del Estado e as súas prácticas de usura nos peiraos interiores, no de ADIF procurando máis usos comerciais na Intermodal, ou no do Ministerio de Defensa comerciando cos terreos da Maestranza, entre outros.