Saltar ao contido

María García: “Remata a fase de aprobación e comeza a fase da execución. É o momento de converter as cifras en realidades, e imos ser tan esixentes. Non hai xa escusas”

Nunha emenda conxunta co goberno local, atendemos varias alegacións cidadás, reforzamos o apoio ás entidades sociais, deportivas e culturais, e reducimos o endebedamento en 3,4 millóns de euros


O Pleno do Concello da Coruña, en sesión extraordinaria, aprobou hoxe de forma definitiva os Orzamentos para o ano 2022, grazas a un acordo entre a Marea Atlántica e o goberno local sustentado polo PSdeG-PSOE. Como adoitan, os votos e as propostas da Marea serviron para beneficiar á cidade, coa aprobación dunhas contas expansivas, que chegan aos 310 millóns de euros, verdes, xustas feministas e con atención aos barrios.

“Desde a rúa, coa crise que temos enriba, estannos a pedir con claridade que nos dediquemos ao que importa, e dotemos ao Concello de todos os recursos necesarios para tenderlle a man a quen o precisa”, resumiu a nosa voceira, María García. E advertiu que, desde hoxe “remata a fase de aprobación dos orzamentos, e comeza a da súa execución. Hai que converter estas cifras en realidades, e imos ser tan esixentes nisto como dialogantes fomos á hora de negociar”.

Propostas innovadoras para a cidade real

María García lembrou que  as políticas máis novidosas nestes Orzamentos proveñen da Marea Atlántica, por exemplo:

  • Creación dunha eléctrica municipal e as medidas de eficiencia enerxética, pois o problema coa enerxía é estrutural e merece unha resposta a curto, medio e longo prazo. 
  • 9 millóns de euros en políticas de vivenda pública, fomento do alugueiro social e rehabilitación de inmobles. E un Plan Municipal polo Dereito á Vivenda para traballar ata 2025.
  • Tres millóns de euros no programa Mover os baixos, destinado a recuperar os numerosos locais comerciais baleiros na cidade. 
  • Plan Municipal de Saúde Mental, para atender un problema cada vez maior. E consensuado coas entidades sociais. 
  • Bolsas para persoas coidadoras de maiores e dependentes e reforzo da asistencia no fogar. Polo dereito a unha vida digna. 
  • Investimentos repartidos por toda a cidade, para atender ás demandas dos barrios, desde Novo Mesoiro ata Durmideiras. 

Propostas ambiciosas e centradas nas necesidades da xente nestes momentos de crise. Propostas que xa non hai motivo para non cumprir. 

Incorporación de propostas veciñais

Así, as contas municipais saíron hoxe aprobadas cunha emenda conxunta entre a Marea Atlántica e o goberno local, que rectifica o ditame inicial da Comisión de Facenda, e incorpora varias alegacións veciñais. Suma fondos para un novo convenio coa Fundación Rogelio Groba e mellora os xa previstos coa Liga Reumatolóxica Galega “Loita contra o Reumatismo”, Atlético Coruña Montañeros, Club Deportivo Padre Faustino e Sociedade Deportiva Orzán. 

Tamén recoñece unha alegación particular que suman 3,4 millóns aos ingresos previstos, pola expropiación de varias parcelas municipais no polígono de Vío, que serán expropiadas por ADIF para a construción da conexión ferroviaria do porto exterior de Punta Langosteira, segundo se anunciou no BOE do 18 de marzo. O préstamo previsto, por tanto, reducirase nesa mesma contía.

A Coruña xa ten uns Orzamentos 2022 á altura do que precisa a cidade, grazas aos votos e ás propostas da Marea Atlántica