Arbitrariamente, o executivo local impide desde este mes as altas na rede de escolas infantís, que por primeira vez é de balde grazas á iniciativa da Marea Atlántica
O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha pregunta de resposta escrita para o vindeiro pleno, pedíndolle explicacións ao goberno de Inés Rey pola inadmisión de novas altas nas Escolas Infantís municipais durante o presente curso a pesar de prazas vacantes. Tamén solicitamos coñecer cales son os plans do executivo local para ofrecerlles alternativas a estas familias que quedan fóra do ensino infantil sen motivos.
O regulamento da rede de EIM permite novas altas cando existan prazas libres, para que as crianzas que cumpren os tres meses durante o curso poidan ter acceso ao ensino infantil. E noutros anos si era posible inscribirse nestas datas. Porén, neste curso, xusto cando máis prazas baleiras hai por mor da pandemia, o excutivo local comeza a denegalas en marzo a persoas que cumpren todos os requirimentos. En lugar de facilitarlle á veciñanza o acceso a un servizo público, Inés Rey inventa trabas burocráticas.
Temos que lembrar que as Escolas Infantís Municipais son gratuitas por primeira vez este curso, grazas a un dos poucos puntos que se cumpriron do acordo entre a Marea Atlántica e o PSOE para o inicio de mandato. Estes centros non son só unha oportunidade de conciliación, tamén un espazo educativo de pleno dereito, importante para que nenas e nenos adquiran competencias e habilidades desde os primeiros meses de vida.
Melloras laborais
Apostar pola educación infantil como unha verdadeira etapa da educación pública pasa, tamén, por recoñecer o traballo das educadoras e garantirlles unhas condicións laborais dignas. Como xa avisamos en febreiro, as traballadoras deben ter unha suba salarian el setembro, prevista polo novo convenio colectivo do sector, pero debido a que Inés Rey decidiu unilateralmente prorrogar o orzamento, non hai fondos previstos para asumila.