O convenio colectivo do sector obriga a mellorar as condicións de traballo das educadoras de 0 a 3 anos
Silvia Cameán: “Agora mesmo non hai crédito suficiente para asumir o aumento de salario, por culpa do orzamento prorrogado. Instamos ao executivo local a elaborar os modificativos de crédito necesarios”
A concelleira Silvia Cameán, representante da Marea Atlántica na Comisión de Educación e Cultura, reclamoulle ao goberno municipal que respecte a suba salarial das traballadoras das Escolas Infantís, prevista polo novo convenio colectivo do sector: “En setembro deben ter un aumento de soldo, pero non existe partida orzamentaria agora mesmo para asumilo e non se pode pretender que o fagan os propios centros”. É necesario para dignificar o traballo das educadoras no ensino de 0 a 3 anos, que levan anos arrastrando condicións de precariedade. Deste xeito, unha educadora infantil que hoxe cobra 925 euros ao mes de salario base pasaría a cobrar 1.122.
Cameán lembrou que o novo regulamento das Escolas Infantís Muncipais, que permitiu que sexan de balde xa este curso, incluía o compromiso do Concello para mellorar as condicións laborais das traballadoras. Pero “estamos a detectar que a Concellería de Educación chega cos deberes sen facer. Temos un orzamento prorrogado por decisión unilateral da alcaldesa, e non hai partida para asumir os novos salarios. Instamos ao goberno a poñerlle solución canto antes. Se non é aprobando uns novos orzamentos adaptados á realidade, como sería a obriga deste goberno, polo menos que sexa cun modificativo”.
De igual modo, a concelleira reclamou que se dea a coñecer canto antes o calendario de matriculación nas Escolas Infantís Municipais, para que as familias poidan planificar con tempo a súa situación. “En plena pandemia, non se pode andar con improvisación”. E lembrou a necesidade de sacar a concurso, coas melloras necesarias, os contratos caducados ou a piques de caducar, como os das EIM dos Rosales ou Arela, entre outras.
Demandas de Novo Mesoiro
A concelleira levou tamén as demandas da ANPA de Novo Mesoiro, xa trasladadas no Pleno desde o Escano Cidadán, e reclamou apoio do goberno municipal para solucionar os problemas deste centro que a Xunta inaugurou sen unhas mínimas condicións. En primeiro lugar, pediu a rápida a concesión de licenzas de saída de fumes e instalación de gas, necesarias para que o colexio conte coa súa propia cociña e non dependa dun cátering externo. Tamén solicitamos que se axilice a concesión dun vado.
Cameán solicitou, ademais, que o goberno municipal lle traslade á Xunta ás demandas do sindicato Comisións Obreiras para garantir unhas aulas seguras fronte á COVID: actualización do protocolo sanitario, para incluír o uso de termómetros e medicións de CO2, cribados periódicos e a constitución do comité de seguridade laboral do persoal de ensino na Coruña. Tamén lle pediu ao concelleiro Jesús Celemín que traballe para garantir, ventilación e protección sanitaria dentro das EIM.
É urxente elaborar un novo plan de choque
Na parte da comisión correspondente a Cultura, o concelleiro Celemín ofreceu unha moi escueta valoración sobre as axudas concedidas no plan de reactivación económica (Presco), case sen datos e marcada polo triunfalismo.
Cómpre lembrar, unha vez máis, a urxencia de poñer en marcha un novo plan de axudas, que aprenda dos erros do anterior e volva tenderlle a man a un sector que sofre un forte impacto da crise. Nestes momentos, e a pesar de todos os anuncios, non hai sobre a mesa nin un borrador.