Saltar ao contido

Por iniciativa do noso grupo, aprobáronse convenios coas librarías da cidade, as salas de música ao vivo e o Hockey Club Borbolla, apoiando ao tecido asociativo da Coruña 

Votamos a favor de recuperar os nomes tradicionais nas rúas do Ofimático, o barrio de Xuxán, pero sen esquecer a desfeita urbanística: confiamos en que o goberno cumpra dunha vez o compromiso de falar coa veciñanza afectada

O Pleno do Concello da Coruña, nunha sesión extraordinaria celebrada hoxe, aprobou de xeito definitivo o novo regulamento das Escolas Infantís Municipais (EIM), que fará 100% gratuítas as 830 prazas dispoñibles nestes centros. Co voto a favor da Marea Atlántica e o PSOE, os dous grupos que pactaron impulsar esta normativa, tamén se introducen valores como a igualdade e a diversidade e establécese o galego como lingua vehicular, fronte á persecución de Feijóo. “O ensino de 0 a 3 anos recoñécese, por fin, como unha verdadeira etapa da educación pública, sen que unha renda humilde sexa un obstáculo para acceder a elas. Porque o dereito ao ensino é porta e faro do resto dos dereitos”, afirmou a Concelleira Silvia Cameán.

O novo regulamento recoñece tamén o labor das traballadoras das EIM, na súa maioría mulleres, “que se ocupan de soster a vida e non merecen traballos precarios”, segundo Silvia Cameán. E incorpora varias achegas relevantes das directoras das escolas infantís, a quen a nosa concelleira agradeceulles “o seu compromiso e a súa constante loita por dignificar esta etapa educativa”.

Cameán explicou que este é un paso na mellora das EIM, pero non o final do camiño, e pediulle ao goberno municipal que poña os medios necesarios para garantir que a volta ás aulas en setembro sexa o máis segura posible nesta situación de pandemia. “Non imiten ao goberno da Xunta, que se desentende, non pon un só euro, e carga a responsabilidade sobre centros e familias. Xa son varias as ANPAS da Coruña que dimitiron por non poder afrontar as condicións que marca o protocolo do goberno galego”, sinalou a concelleira.

Novos convenios coa cultura e o deporte locais

O Pleno aprobou tamén dous modificativos de crédito necesarios para facer fronte á situación de emerxencia derivada da pandemia de COVID19, nos que a Marea Atlántica, de novo de acordo co PSOE, introduciu a sinatura de tres novos convenios para apoiar ao tecido asociativo local.

Trátase de darlle apoio económico ao Hockey Club Borbolla, cuxo equipo feminino acaba de ascender á máxima categoría do hockey sobre patíns (15.000 €); ás actividades de fomento da lectura que organizará a recén creada Asociación de Libreiras e Libreiros da Coruña (15.000 €); e ao festival de artistas e bandas locais impulsado por Clubtura, a entidade que reúne ás salas de música ao vivo (25.000 €).

Tal e como sinalou Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica, “son propostas razoadas e razoables, xustas e oportunas, que resolven algúns problemas en áreas nas que a xestión do goberno está a ser deficiente”.

Quedou fóra unha das nosas propostas, a de recuperar o investimento para mellorar o colector de San Roque, en Riazor, e impedir que a auga salgada dificulte o traballo da depuradora de Bens. Unha actuación necesaria desde o punto de vista da saúde e o coidado ambiental, pero que tamén forma parte dos nosos acordos co PSOE para os Orzamentos 2020. Porén, retirámola confiando na palabra do goberno de estudar o asunto de novo en setembro. Agardamos que, desta vez si, cumpran.

Un cambio de nome non arranxa o Ofimático

Recibiu tamén o noso voto favorable a proposta para nomear as rúas do barrio de Xuxán, o polígono do Ofimático, que nace das recomendacións da Real Academia Galega e recupera topónimos que nunca deberon desaparecer: O Campo de Galán, Agrelo, Longarela, A Canteira, A Viña…

Porén, horas antes do Pleno soubemos que a veciñanza orixinal da zona non sabía nada deste cambio, polo que lle esiximos ao goberno municipal que rectifique e sente a escoitala. Non só sobre o rueiro, senón tamén sobre a solución urbanística que precisa San Vicenzo de Elviña. O goberno comprometeuse a cumprir en setembro un acordo que leva un ano pendente, coa Marea Atlántica e co BNG, e reunir unha mesa de traballo coas persoas afectadas e os grupos da oposición.

Porque, como sinalou Iago Martínez, “Xuxán xa existía antes de que algúns partidos que sentan nesta corporación lle puxeran as mans enriba para facer un desastre urbanístico. Xuxán non lle pertence a ninguén. O Ofimático, polo contrario, é obra deste Concello, é o nome dunha desfeita que ten responsables e esixe solucións. Non hai cambio de nome que borre esa historia, señores e señoras do Partido Socialista. O Ofimático non vai desaparecer por decreto. O Ofimático será Ofimático mentres non se faga xustiza coas vítimas do modelo urbanístico que as privou de dereitos”.

Pésima execución do orzamento

Durante o debate no Pleno, Iago Martínez quixo tamén denunciar a baixísima execución do Orzamento nestas datas, cun 29,6% global e un 4,3% dentro do previsto para investimentos (capítulos VI e VII). E iso a pesar de que a oposición está ser responsable facilitando a aprobación non só das contas municipais, senón dos modificativos necesarios, das ordenanzas fiscais e doutras tantas medidas.

“Pedímoslles que o corrixan. Hai áreas que están practicamente en branco. Se a final de ano nun contexto tan difícil, onde o gasto público é importantísimo, quedan recursos sen executar, será unha traxedia. E será responsabilidade só do goberno”, concluíu o vicevoceiro da Marea Atlántica.

Aprobado definitivamente que as Escolas Infantís Municipais sexan de balde, grazas ao acordo entre a Marea Atlántica e o PSOE