A conexión da liña 1A coa praia de Santa Cristina, en Oleiros, foi posible grazas ao convenio asinado en abril de 2019 polo goberno de Xulio Ferreiro. Agora conta co aval da xustiza.
María García: “A Coruña precisa políticas de mobilidade ao servizo das persoas e non das empresas”
Igual que baixada das tarifas do bus, a alcaldesa xa non ten escusa para non cumprir os acordos: novas bonificacións no billete e mapa de liñas con vontade metropolitana
A Marea Atlántica celebra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que avala a extensión da liña 1A ata a praia de Santa Cristina, creada polo goberno de Xulio Ferreiro co convenio asinado en abril de 2019, fronte á denuncia dunha empresa de transporte interurbano. Esta política de conexión metropolitana iniciouse no mandato da Marea Atlántica e, como ocorre coa baixada do billete do bus, foi respaldada pola xustiza. Deste xeito, e como xa ocorreu coa baixada do billete do bus, os tribunais recoñecen a capacidade dun goberno local para fomentar a mobilidade sostible por enriba dos beneficios privados.
A nosa voceira, María García, volve pedirlle a Inés Rey que “saia da súa absoluta parálise en políticas de fomento do transporte público e retome as iniciativas impulsadas no mandato anterior. Volve demostrarse que as súas críticas eran infundadas, con sentenzas que o deixan claro. Tócalle poñerse a traballar, porque A Coruña precisa políticas de mobilidade ao servizo das persoas, non das empresas”.
Iso pasa por cumprir os acordos coa Marea Atlántica que garda nun caixón desde hai 20 meses: a implantación inmediata das novas tarifas con descontos para maiores de 65 anos e menores de 25 e o cambio de mapa del liñas, xa con ollada metropolitana. Hai que poñer o interese da veciñanza por diante do da Compañía de Tranvías.
A vontade metropolitana do pasado mandato
Foi no mandato de Xulio Ferreiro cando se chegou ao acordo que permitiu que a liña 1A chegase ata Santa Cristina, en Oleiros, grazas a un convenio asinado en abril de 2019. Tamén a ampliación da liña 24 ata Culleredo e Arteixo, con vontade metropolitana, foi deseñada e executada polo goberno anterior. Fronte a isto, o balance de case dous anos de goberno de Inés Rey resúmese nunhas poucas fotos e cero actuacións reais para mellorar o transporte público.
Ante a pasividade do goberno, Tranvías leva un ano de pa meses de pandemia sen reforzar as liñas nas horas punta, e varios anos sen facer melloras na flota, coa escusa de que a baixada do billete reducía os seus beneficios. A realidade é que en 2018 pechara o ano con 30 veces máis beneficios que a empresa de transportes de Vigo.