Saltar ao contido

Trasladamos, deste xeito, unha iniciativa do colectivo Comadres Cigarreiras, para reivindicar a memoria das traballadoras da antiga tabacaleira, exemplo de loita pola igualdade e os dereitos laborais das mulleres

Agardamos que Inés Rey evite prácticas antidemocráticas e incorpore o asunto ao Pleno. A proposición entraría na parte resolutiva e, a diferenza das mocións, será de obrigado cumprimento se chega a aprobarse


O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou hoxe unha proposición resolutoria para ser debatida no Pleno deste xoves, trasladando unha iniciativa do colectivo Comadres Cigarreiras para que a Praza de Tabacos pase a chamarse Praza das Cigarreiras. Será unha merecida homenaxe ás traballadoras da antiga fábrica tabacaleira da Coruña, exemplo de afouteza, loita pola igualdade e polos dereitos laborais nos comezos do movemento obreiro. Será unha merecida homenaxe na semana do 8 de marzo, Día da Muller. 

A fórmula proposición está avalada polo Regulamento Orgánico Municipal, como parte dos dereitos da oposición. A diferenza das mocións, pode incluírse na parte resolutiva do Pleno e será de obrigado cumprimento se chega a aprobarse. Agardamos que a Inés Rey non volva facer gala do seu talante antidemocrático e permita que esta iniciativa se incorpore con normalidade á orde do día. Xusto o contrario do que fixo a semana pasada coas emendas ao anexo de convenios, rexeitándoas de xeito arbitrario. 

O concelleiro Alberto Lema, representante da Marea Atlántica na Comisión de Honras e Premios, lembrou que “nos case 200 anos que van desde que se abriu a Real Fábrica de Tabacos en 1804 e pechou en 2002, as nosas bisavoas, avoas e nais traballaron nos seus talleres como cigarreiras, sendo pioneiras en moitos sentidos.  A Coruña débelles un recoñecemento para que o seu labor e historia non se esquezan”. 

Lema lamentou que o goberno municipal levase a Comisión de Honras un expediente sen consensuar para engadir nomes ao rueiro, actuando unha vez máis de xeito unilateral. “Pedimos que se adiase o asunto, dando tempo para que todos os grupos fixeran achegas, para un listado de nomes máis plural, pero o goberno negouse”. Ante esta actitude autoritaria, abstivémonos e trasladaremos a proposta da Praza das Cigarreiras pola vía da proposición resolutoria a este Pleno. 

Comadres Cigarreiras, entidade que impulsa este cambio de nome no rueiro, naceu para preservar a tradición do Xoves de Comadres no Entroido, e desenvolve actividades de recuperación da memoria histórica vinculada ás traballadoras da Real Fábrica de Tabacos da Coruña, protagonistas en 1857 da primeira folga de mulleres convocada no Estado, na que “conseguiron, grazas ao traballo colectivo, dereitos pioneiros para as traballadoras coma salas de lactancia, xardín de infancia e escola dentro da Fábrica”. Tamén foron  inmortalizadas por Emilia Pardo Bazán en La Tribuna, publicada en 1882, a primeira novela social española. 

A rúa de Lois Pereiro segue pendente 

Na Comisión de Honras, Alberto Lema, rogou que se axilice a designación dunha rúa para na Coruña para o poeta Lois Pereiro. Foi aprobada hai xa anos, pero falta situala no mapa. Este ano, en maio, cúmprese o 25 cabodano do seu falecemento, polo que sería unha merecida homenaxe a unha das voces líricas máis lucidas e influintes da literatura galega. 

 

Levamos a pleno unha proposición para que a Praza de Tabacos pase a chamarse Praza das Cigarreiras