A través dunha moción, reclamamos as obras pendentes no Mercado e a Escola Infantil, accesibilidade nas rúas e coidado das zonas verdes
É preciso informar ás praceiras dos avances nas obras do mercado, e ofrecerlles un espazo alternativo para que poidan seguir traballando
A Marea Atlántica levará a Pleno ordinario deste xoves unha moción para reclamar melloras e obras pendentes en Monte Alto, atendendo ás peticións da veciñanza e os colectivos do barrio. Entre outras cuestións, instamos a Inés Rey a poñer en marcha as obras de renovación do mercado, dándolles as praceiras un lugar alternativo para seguir traballando mentres dure a reforma; o coidado das zonas verdes, rúas máis accesibles e reparar, dunha vez, os problemas da Escola Infantil Municipal Monte Alto.
Como sinala a nosa moción, Monte Alto é un barrio moi densamente poboado e cunha forte vida interna, con necesidade que o goberno municipal non está atender. Procuraremos o apoio maioritario da Corporación para reclamarlle ao goberno municipal os seguintes asuntos, pendentes desde hai meses:
- Informar ás praceiras de Monte Alto da situación, avances e prazos para a reforma do mercado. Procurar un espazo alternativo para manter á súa actividade mentres duren as obras. Licitar canto antes o proxecto.
- Realizar, canto antes, as intervencións básicas para amañar as filtracións de auga na Escola Infantil Municipal, mentres non se pon en marcha a reparación do tellado, xa aprobada.
- Implantación dun vado temporal para as familias usuarias da Escola Infantil Municipal Monte Alto.
- Estudar a implantación de bolsas comedor nas Escolas Infantís Municipais, como xa se fai noutros eidos educativos.
- Realizar melloras de accesibilidade peonil na rúa Marconi, que carece de beirarrúas, e o cruce coa rúa Mondoñedo.
- Cumprir co mantemento dos parques e zonas verdes, especialmente no Campo de Marte e o parque Carlos Casares. Ampliar as ecohortas neste último espazo, tal e como se inclúe nos acordos entre a Marea Atlántica e o PSOE para o inicio do mandato.
- Non abandonar as melloras na contorna da Torre de Hércules, xa declarada Espazo Natural de Interese Local. Elaborar un Plan de Conservación que inclúa a eliminación de verteduras.