María García: “O noso grupo, o único cos votos suficientes para impulsar políticas centradas nas persoas, está disposto a comezar mañá mesmo as conversas para que A Coruña non pase outro ano sen orzamentos”
Aprobada por unanimidade a nosa emenda para recuperar a participación de todos os grupos no seguimento da estratexia EDUSI, dotada con 15 millóns de fondos europeos
O Pleno do Concello da Coruña aprobou hoxe, por fin e por unanimidade, a tramitación inicial do novo Presco 2021, o plan de axudas contra a crise e a pandemia, que chega con meses de atraso e coa metade dos fondos do ano pasado (6 millóns fronte a 13,5), pero chega. “É mellor este plan que ningún plan”, como sinalou a nosa voceira, María García, que instou ao goberno local a non seguir perdendo tempo e iniciar xa as conversas para os Orzamentos 2022.
Tal e como recalcou García, a Marea Atlántica sumou as súas achegas para mellorar o Presco dentro do posible, coma axilizar os trámites das axudas a pemes, micropemes e autónomos e adiantar o pago do 98%, ou reforzar o eixo social e o apoio ao sector cultural, e puxo o seu voto favorable para que saíse adiante. “Fixémolo porque a pandemia recalcou a importancia de poñer a vida das persoas no centro das políticas e por enriba de intereses partidistas, algo que nós sempre tivemos claro”.
A nosa portavoz foi clara e sinalou que “a Marea Atlántica, o único grupo cos votos suficientes para garantir neste concello políticas centradas nas persoas, está disposto a comezar mañá mesmo a negociación para que A Coruña non pase outro ano sen orzamentos, como ocorreu neste 2021 por decisión unilateral da alcaldesa”.
Maior participación na DUSI, coma no pasado mandato
Tamén resultou aprobada por unanimidade a emenda que presentou a Marea Atlántica para recuperar a Comisión de Seguimento da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI), con presenza de todos os grupos da oposición. Foi creada no pasado mandato, cando o goberno de Xulio Ferreiro conseguiu 15 millóns de euros de fondos europeos para poñer en marcha a EDUSI, pero Inés Rey eliminouna ao chegar á alcaldía. Agora, faise evidente a súa obriga de reactivala.
O vicevoceiro a Marea Atlántica, Iago Martínez, celebrou que agora ninguén cuestione a EDUSI, “que é moito máis que un paquete de investimentos, é unha estratexia para unha cidade máis sostible, humana e mellor para vivir”, e que “está permitindo as únicas transformacións reais que estamos a ver nunha cidade sen orzamentos e sen novas ideas, quitando o pentatlón dos Cantóns”.
Porén, no pasado mandato do goberno de Xulio Ferreiro recibira ataques furibundos durante a tramitación deste proxecto, coa voceira do PP, Rosa Gallego, chamando a poñerlle un “profesor de apoio”, e a voceiría do PSOE insistindo en que “un goberno en minoría non pode secuestrar a cidade”. Como sinalou Martínez, “eran outros tempos e outra oposición, unha que estaba a ensaiar a estratexia de sinalar como ilexítimo a un goberno democraticamente elixido, a que agora se aplica en Madrid. Por sorte, hoxe na Coruña temos outro estilo de oposición, unha responsable”.
Cómpre lembrar que sumando a EDUSI e outras convocatorias como a adaptación de edificios intelixentes ou o proxecto das hortas urbanas, o goberno da Marea Atlántica logrou máis de 25 millóns de euros en axudas da Unión Europea para desenvolver iniciativas de cidade. Máis ca ningún outro goberno municipal da Coruña.
O pleno de hoxe comezou con dúas declaracións institucionais unánimes, ambas impulsadas pola Marea Atlántica. A primeira, para rexeitar toda forma de LGBTIQfobia, condenar o asasinato de Samuel Luiz Muñiz e os ataques homófobos acontecidos nas últimas semanas. A segunda, para rexeitar a instalación de parques eólicos mariños sobre caladoiros de pesca e zonas ambientalmemte sensibles.
Outro urbanismo sería posible
Os últimos asuntos de goberno tratados nesta sesión plenaria foron trámites urbanísticos, como a aprobación do estudo de detalle para a ampliación do CITIC da Universidade da Coruña, e cambios no PXOM en Feáns e a antiga cetárea Otamar, derivados de sentenzas xudiciais. Contaron con noso voto favorable.
Porén, abstivémonos ante a proposta do goberno de rexeitar as alegacións de Miramar Castrillón S.L. contra a suspensión de licenzas nunha parcela do barrio, aprobada no Pleno de maio, pero ocultando información. Iago Martínez lamentou a “unilateralidade” coa que está a actuar o goberno na área urbanística, e sinalou que “en minoría non se pode facer urbanismo, hai que dialogar, e o PSOE ten que escoller se quere facelo co PP ou coa Marea Atlántica. E téñano claro, coa Marea non habería pelotazos coma os da Maestranza e Percebeiras”.