Saltar ao contido

María García: “Se non hai sorpresas e se respecta o acordado, este novo plan de choque fronte á pandemia terá o noso apoio no Pleno. É menos ambicioso que o ano pasado e chega tarde, pero é mellor que non ter ningún plan” 

As axudas á contratación increméntanse de 150.000 a 250.000 euros, con ata 2.500 euros por contrato e un salario mínimo garantido de 1.000 euros. 

A voceira da Marea Atlántica, María García, saudou hoxe os avances significativos que se produciron cara a aprobación do Presco 2021, o plan de axudas do Concello da Coruña fronte á crise derivada da pandemia. “O goberno local escoitou as nosas propostas e incorporou varias das nosas achegas, entre as que destacan o incremento de fondos para as axudas de inserción laboral e nas destinadas ao sector cultural”, explicou a nosa voceira, María García. 

García recoñeceu que este plan de axudas chega tarde, coa metade dos fondos e cunha perspectiva menos ambiciosa que o ano pasado, “pero é mellor este Presco que ningún Presco, porque a xente precisa toda a axuda posible”. E, como lembra, “cando o goberno local se decidiu, por fin, a negociar tras meses en branco, non foi difícil chegar a un acordo. Todas as nosas achegas foron en positivo e buscando o beneficio da cidade”.

Deste xeito, as axudas destinadas á inserción laboral aumentan a súa contía total, de 150.000 a 250.000 euros, e tamén incrementan o importe por cada contrato, que pasa de 1.000 a 2.500 euros. Garántese que o salario mínimo das persoas que se beneficien deste programa será del 1.000 euros mensuais, favorecendo unhas condicións de emprego dignas. Nestes momentos é moi necesario ofrecer alternativas ao aumento do paro e a precariedade. 

En canto aos programas destinados ao sector cultural, un dos máis afectados pola crise, as bolsas de creación cultural aumentan de 90.000 a 120.000 euros, mantendo as novas categorías que se aceptaron a semana pasada, e o Bono Cultura suma 50.000 euros máis ata chegar aos 235.000.  Medidas positivas que se poñen en marcha grazas á Marea Atlántica, nunha área na que o goberno non amosou iniciativa ningunha durante o mandato actual. 

Convenios coas entidades sociais

Cando se celebre o Pleno para a aprobación do Presco 2021, tamén se aprobarán novos convenios coas entidades sociais, deportivas, veciñais e culturais, que traballan en primeira liña coas consecuencias da crise. Recuperaranse os que foron vetados ilegalmente no Pleno de febreiro, propostas da Marea Atlántica que suman uns 340.000 euros. E engádense dous novos, con Acampa pola Paz e o Dereito ao Refuxio (50.000 €) e coa Asociación de Sarcomas de Galicia (12.000 €) para apoiar as súas actividades.

Tamén se beneficiarán deste incremento nos convenios entidades como Provivenda ou Housing First, para atender o problema do senfogarismo; Clubtura, CUAC FM, Donaire ou a Asociación República Mardi Gras, para apoiar ao sector cultura; Espazoo Coop, dándolle pulo á economía social como alternativa de emprego, e organizacións como Viraventos, Ecos do Sur, RAIS ou Secretariado Xitano pola súa loita a prol da xustiza social. Pedímoslle ao goberno local que sexa áxil á hora de formalizalos, para que poidan executarse este ano. 

Cambios para unha tramitación máis áxil 

Doutra banda, e como xa informamos nas últimas semanas, o goberno local aceptou varias propostas da Marea Atlántica para axilizar os trámites das axudas directas a persoas autónomas, pemes e micromepes para evitar que se repitan os erros e demoras do ano pasado, pois en xuño de 2021 aínda hai centos de pagos pendentes. 

Nesta convocatoria, aceptarase a declaración responsable como xeito de adiantar as axudas, e aboarase ata o 98% do importe no momento de aceptar a solicitude, tal e como permite a Ordenanza de Subvencións de Benestar. Se o equipo de Inés Rey asume a súa responsabilidade, este ano non deberían repetirse os problemas de tramitación.

Votaremos a favor do Presco 2021, despois de que o goberno acepte incrementar as axudas á inserción laboral e ao sector da cultura