Preocúpanos a rebaixa do nivel de protección previsto para a Lonxa do Gran Sol, un edificio emblemático que a Autoridade Portuaria parece empeñada en ignorar
Faremos achegas para mellorar a proposta do goberno, aínda moi verde en elementos tan singulares coma a Viaxe de Visma
A Marea Atlántica lamenta a demora nos trámites necesarios para ampliar o Catálogo de Edificios Protexidos do PXOM, que debería terse realizado nos primeiros seis meses deste ano incluíndo todos os elementos que estaban na proposta orixinal, aprobada inicialmente a finais de 2018 a iniciativa do goberno de Xulio Ferreiro. A iso se comprometeu o executivo local coa Marea Atlántica en decembro de 2020, aceptando a emenda que levamos ao Pleno dese mes.
Segundo o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, “hoxe, na Comisión de Urbanismo, comprobamos que os dous documentos que se preparan para a ampliación do catálogo están verdes e lonxe de ir a Pleno, contrariamente ao acordado. Estudaremos a fondo a documentación e faremos as achegas necesarias para mellorar a proposta”.
O primeiro destes documentos conta con sumar máis de 40 elementos protexidos e o goberno comprométese a levalo a Pleno á volta do verán, pero o certo é que precisa aínda traballo para completarse e está pouco definido en elementos tan emblemáticos coma a Viaxe de Visma. Faltaría aínda un segundo documento, centrado en adaptar o catálogo á nova Lei de Patrimonio de Galicia, pero non se prevé que estea listo ata fin de ano.
A lonxa do Gran Sol perde protección
Dentro dese primeiro documento inclúese a lonxa do Gran Sol, pero figura cun nivel de protección menor do previsto. Segundo o goberno local, débese ás trabas que puxeron no seu día a Autoridade Portuaria e Puertos del Estado.
Instamos, de novo, ao presidente do porto, Martín Fernández Prado, a que mude de actitude e asuma a protección da lonxa do Gran Sol. Pode facelo sen agardar polo Concello, modificando o Plan Especial de Ordenación da Zona de Servizo do Porto da Coruña (PEOZOS), catalogando o edificio coma un patrimonio a protexer.