Saltar ao contido

O prezo da electricidade  bate marcas tras décadas dunha lexislación favorable aos intereses privados

Barcelona e Cádiz, cidades con empresas eléctricas municipais, non lle están a repercutir a suba da luz as persoas que empregan os seus servizos 

A Marea Atlántica defenderá no vindeiro pleno unha moción na que se reclama a creación da empresa municipal Coruña Enerxía, tal que como se comprometeu o PSOE nos acordos co noso grupo, ofrecendo no sector eléctrico unha alternativa pública que traballe polo interese xeral e non especule cun ben de primeira necesidade. 

“Nestes momentos, coa factura da luz batendo marcas, sería o momento de ter un operador eléctrico na Coruña, que non só poida ofrecer prezos sociais, senón que fomente a enerxía limpa e ofreza oportunidades de emprego”, explica a nosa voceira, María García. 

Existen exemplos concretos de que este proxecto é viable. Cidades como Barcelona ou Cádiz, que contan coas súas propias empresas municipais de enerxía, non lle repercutiron a suba da luz ás persoas que empregan os seus servizos. 

 

Enerxía limpa, prezos sociais e fomento do emprego

Por iso, instamos a Inés Rey a cumprir o acordado e dar os pasos para constituír Coruña Enerxía, como empresa pública comercializadora de enerxía 100% renovable e que ataque os casos de pobreza enerxética.

Canda ela, debe crearse tamén a Oficina Municipal da Enerxía, para asesorar á veciñanza en medidas de aforro no consumo e de  aforro nas facturas, e elaborarse o Mapa das Enerxías Renovables, para identificar as vías nas que o Concello podería xerar electricidade próxima ao lugar de consumo. Esta liña de actuación ten que incluír medidas de fomento do emprego no sector das enerxías renovables, o aforro e a eficiencia.

Finalmente, é necesario que o goberno local manteña o compromiso, adquirido en 2018, de que o subministro de enerxía aos edificios municipais proveña de fontes 100% renovables. 

Tal e como explica María García, “a transición enerxética é a única reposta fronte á crise climática, e debe ser abordada desde unha perspectiva social. É intolerable que as grandes empresas acumulen beneficios millonarios mentres fogares e pequenos negocios afogan en recibos”. 

 

A responsabilidade do goberno do Estado 

O prezo da electricidade estase a disparar, coincidindo coa entrada en vigor da factura por tramos horarios, que penaliza xusto as horas de maior consumo doméstico e profesional. Fai que moitos fogares non saiban se poderán pagar a factura da luz todos os meses. 

A rebaixa temporal do IVE nas facturas domésticas, anunciada polo goberno do Estado, é un primeiro paso que pode axudar, pero non vai á raíz do problema, os desmesurados beneficios das grandes empresas eléctricas. O sector privado conta cunha lexislación feita a súa medida e alimentada por décadas de portas xiratorias entre os seus consellos de administracións e os consellos de ministros. 

Neste sentido, é necesaria unha reforma estrutural do mercado eléctrico, para avanzar na xustiza social e na protección ambiental, eliminando os “beneficios caídos do ceo” que reciben as empresas, recoñecendo que todas as persoas teñen dereito a un mínimo vital garantido no subministro de enerxía. 

O bono social require dunha adaptación para chegar a todas as persoas que o precisan. Pode e debe concedérselle de oficio a quen cumpra os requisitos, a través dos datos da Axencia Tributaria, a Seguridade Social e Servizos Sociais. E precisa ter en conta os novos modelos familiares e unidades de convivencia.

“A enerxía é un ben de primeira necesidade que esixe erradicar prácticas especulativas. Afecta aos fogares, especialmente os máis vulnerables, pero tamén ao mundo do traballo, xusto nun momento de crise derivada da Covid-19”, conclúe a nosa moción.

Reclamamos no Pleno a creación dunha empresa municipal de enerxía e outras medidas para baixar a factura da luz