Segundo un estudo encargado polo Concello, Catro Camiños é a zona con máis locais baleiros, 117 en total. Con Monte Alto, a Agra, o Ventorrillo e Os Mallos concentran a metade de baixos sen uso na Coruña
María García: “Unha vez estea aprobado o Presco, o plan coas axudas máis urxentes, é necesario ofrecer solucións para os locais sen uso. Cada persiana baixada é menos emprego, menos servizos nos barrios e peor espazo público”
A voceira da Marea Atlántica, María García, instou hoxe ao goberno de Inés Rey a poñer en marcha o programa Mover os baixos, que presentamos en abril, para atender o crecente número de locais baleiros na Coruña. “Cada día hai máis persianas baixadas, e cada local sen uso significa menos emprego, menos servizos nos barios e deterioro do espazo público”, salientou. Unha vez estea aprobado o novo Presco coas axudas máis urxentes, hai que ofrecer solucións para este problema.
En rolda de prensa, María García fixo públicos os datos dun estudo encargado polo executivo local para coñecer o número de baixos sen uso nas distintas zonas da Coruña. Son, cando menos, 755, e case a metade (48%) concéntranse entre Catro Camiños, Monte Alto, Agra do Orzán, Ventorrillo, e Os Mallos. Catro Camiños é a zona na que se sinalan máis locais baleiros, 117.
Este estudo foi contratado como parte do Presco 2020, e ofrece datos correspondentes a febreiro de 2021 pero o goberno local non o deu a coñecer. O grupo da Marea Atlántica solicitou acceso á información, para poder avaliar a situación na cidade, e só entón foron situados nun mapa na web municipal. “Os datos son preocupantes, pero amosan unha radiografía de hai catro meses,e o peche de locais continuou desde aquela. Como vimos advertindo, o aumento dos locais sen uso precisa atención e compromiso serio”, explicou María García.
Para a nosa voceira, “é preciso ir máis alá dos xestos simbólicos, como os escasos 30.000 euros que se inclúen no novo Presco 2021 para, en teoría, poñer en marcha unha bolsa de locais en alugueiro. Pero con esa cantidade non hai nin para empezar”. Por iso, instamos ao goberno local a pechar primeiro un Presco que xa vai tarde, pola súa demora en comezar as negociacións, e poñer en marcha despois o programa Mover os baixos. Porque o Presco, con toda a súa importancia, non pode ser a única política pública do Concello da Coruña.
Mover os baixos: un programa con tres eixos
Mover os baixos é unha proposta da Marea Atlántica, que xa puxemos sobre a mesa en abril, pensada para dinamizar os barrios e impulsar o comercio e os servizos de proximidade. Con tres eixos claros:
- Banco de baixos en aluguer: crear unha bolsa pública de locais dispoñibles, con prezos razoables e garantías para as persoas propietarias e arrendatarias.
- Compra de locais por parte do Concello, a través dun concurso público, dándolle prioridade a aqueles con mellores condicións e aos barrios con máis locais pechados ou con menos servizos de proximidade.
- Axudas de ata 15.000 euros para novas actividades en locais en desuso, una liña de subvencións para pequenas empresas, persoas autónomas e iniciativas de economía social. Terían cabida comercio, perruquería, servizos, academias, coworking, obradoiros, alimentación, deporte, cultura, arte, etc.