Puertos del Estado esixe uns intereses de usura, trece veces máis altos que os do Banco Europeo de Investimento, mentres obtén beneficios a costa da Coruña: “Como pode actuar así un ente público?”
O goberno local asume estas condicións e renuncia a reclamar a condonación da débeda na súa proposta á Xunta e ao Estado, un documento que lle oculta á oposición, pero que xa foi detallado pola prensa
“O único realista, a única saída para a situación financeira do porto da Coruña é condonar a débeda, como se fixo en Valencia, e levantar a hipoteca sobre a nosa fachada marítima”. Así falou María García, voceira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión Especial do Bordo Litoral no Concello tras a xuntanza deste último organismo celebrada hoxe. E esixiulle ao goberno municipal un compromiso claro aló onde importa: nos documentos escritos e nas xuntanzas con outras administracións.
Na reunión analizáronse as contas da Autoridade Portuaria, feitas públicas este mes con datos moi graves: pechou o 2020 con 5,8 millóns en perdas, dos que 3,5 millóns, o 60%, débense ao pago de intereses polo préstamo de Puertos del Estado. García sinalou que “desde 2011, o porto da Coruña pagou 40,5 millóns de euros de intereses, sen amortizar un só euro do crédito. As condición son case de usura”.
De feito, Puertos del Estado reclámalle ao porto da Coruña uns intereses do 1,74% no 2020 polo seu crédito de 200 millóns. Trece veces máis do que esixe o outro acredor da Autoridade Portuaria, o Banco Europeo de Investimento, que fixa o tipo no 0,13%. A inxustiza agrávase porque Puertos del Estado rematou o ano pasado con varios millóns de euros de beneficio, mentres afoga aos peiraos coruñeses. “Como pode un ente público, dependente do Estado, comportarse deste xeito e pensar só en facer caixa á custa do futuro da nosa cidade?” pregúntase María García.
Ante esta situación inxusta, só queda reclamar a condonación da débeda portuaria, tal e como se fixo en Valencia. Alí o préstamo era maior, case 400 millóns, e viña de cubrir os excesos da Copa América e a Fórmula 1, e foi condonado grazas ao compromiso das forzas políticas propias. Mentres, na Coruña, a débeda nace de financiar unha obra de interese xeral coma é a dársena exterior de Punta Langosteira. Esta inxustiza é dobremente grave, non só porque lastra a capacidade do porto coma un dos motores económicos da Coruña, senón porque se está a usar de escusa para xustificar a venda de terreos nos peiraos con fins especulativas.
O goberno local segue a ocultar información
María García denunciou que o goberno local, unha vez máis, negouse a entregarlle á oposición á proposta que lle entregou á Xunta e ao Estado na súa última xuntanza interadministrativa. Un documento que, non obstante, se está a dar a coñecer nos medios de comunicación, con detalles preocupantes: “Neste documento que se nos oculta, Inés Rey evita reclamar á condonación da débeda e asume o marco financeiro que marca Puertos del Estado, unha renuncia intolerable”, explica a nosa voceira.
Na Comisión do Bordo Litoral, a oposición reclamou de maneira unánime coñecer a proposta municipal de cara a vindeira xuntanza interadminidtrativa, que ainda non ten data. Os pasos atrás e a falta de resultados son motivo de preocupación.
Finalmente, María García trasladou á Comisión as demandas da manifestación do 30 de abril en defensa do porto, convocada pola Comisión en Defensa do Común e apoiada por case 70 entidades e milleiros de persoas na rúa. Reclamaron a condonación da débeda, o uso público dos peiraos, o mantemento do porto como motor de emprego e a participación cidadá no deseño da fachada marítima, entre outras cuestións. Todas elas peticións que reflicten os consensos acadados no Concello, no Parlamento de Galicia e na Deputación da Coruña nos últimos cinco anos, co respaldo o goberno de Xulio Ferreiro.
Como resumiu María García, “a alcaldesa cometeu un grave erro, cando en lugar de apoiar esta convocatoria e asumir as súas demandas como propias, coma unha lexitimación da postura do Concello e do interese xeral da cidade, se dedicou a criticar ás entidades convocantes por ter unha postura política. Un erro, a alcaldesa debe sair dos despachos”.