Saltar ao contido

A  USMI leva aberta moitos anos e trátase dun servizo de apoio á infancia que se prestaba con persoal do Concello no centro Cívico de Eirís

Nun momento crítico derivado da pandemia, no que pediatras e  profesionais da saúde sinalan un empeoramento da saúde mental infantil, o Concello debería de manter este servizo de apoio, mesmo tratar de melloralo reducindo as listas de agarda

O Grupo Municipal da Marea Atlántica preguntará no vindeiro pleno polo peche da Unidade de Saúde Mental Infantil no centro cívico de Eirís e o seu traslado ao Hospital Materno Infantil, integrándose nos servizos do Sergas.

A concelleira Silvia Cameán sinala que “Este servizo creouse hai anos coa finalidade de impulsar programas de coidados e atención profesional en saúde mental para nenos e nenas ata os 15 anos. Malia a integración no Sergas, o Concello deberia continuar co servizo, para melloralo, amplialo e reducir listas de agarda u instar á Xunta de Galicia a reforzar os servizos de saúde mental. Máis cando se trata dunha cuestión tan sensible coma a saúde mental infantil, e xusto cando a pandemia deixa consultas médicas ateigadas de nenos e nenas que sofren trastornos de ansiedade e depresión.”

Retroceso en gasto social

Este peche prodúcese pouco despois de coñecer que  segundo os datos oficiais do Ministerio de Facenda,  A Coruña retrocedeu en gasto social en 2020,  cando golpeou a pandemia e comezou unha grave crise económica, social e sanitaria. Por primeira vez en cinco anos, o investimento social perdeu peso no orzamento do Concello, amosando que garantir os dereitos das persoas vulnerables non é unha prioridade do goberno local.

“Todos os días estamos a recibir avisos de veciños e veciñas que cada día teñen máis dificultades para acceder aos servizos sociais do Concello. Sen ir moi lonxe, as becas comedor, ademais de con moito atraso, están resultando moi difíciles de tramitar. Levaremos tamén esta cuestión ao pleno.” Explica a concelleira Caméan que, remata “Cando vimos de coñecer datos como que o risco de pobreza en Galicia acada o seu nivel máis alto e supera a media española, cando lemos que moitas persoas non teñen suficientes cartos para comer peixe ou carne un mínimo de dúas veces á semana,  dende logo, no é o momento  de recortar en gasto social e, moitísimo menos de por trabas burocráticas ”. 

 

Preguntaremos no Pleno polo peche da Unidade de Saúde Mental Infantil